A Xunta presentará a fin de ano o seu diagnóstico do plan de saneamento da marxe esquerda da ría de Arousa

Foto:Archivo
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, destacou este venres que o seu departamento presentará a finais deste ano un diagnóstico do plan de saneamento local da marxe esquerda da ría de Arousa, na que se inclúen os concellos de Cambados, Vilanova de Arousa, Vilagarcía, Catoira e a Illa.
Así o manifestou durante a súa visita ás obras de construción da depuradora do río Umia, en Ribadumia. No acto tamén estiveron presentes o presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez; o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán e os alcaldes de Ribadumia, Vilanova, Cambados, Meaño.

No que se refire á marxe dereito da ría de Arousa, que abrangue os concellos de A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Boiro e Rianxo, as previsións son que os resultados do estudio estarán dispoñibles na segunda quincena de setembro.

'O Noso obxectivo fundamental é alcanzar o bo estado das augas das rías galegas no ano 2015', indicou Agustín Hernández.

Aproveitando a presenza do rexedor de Cambados, Luís Aragunde, o conselleiro adiantou que ao longo do primeiro semestre do próximo ano se tramitará o primeiro contrato para o saneamento do 'saco de Fefiñáns', polo que se adaptará toda a rede xeral á capacidade da estación depuradora, a través de actuacións que controlen as augas pluviais que entran na rede de saneamento.

O titular de Infraestruturas tamén avanzou que a estación depuradora de augas residuais (EDAR) do río Umia, en Ribadumia, estará en servizo a mediados do próximo ano 2012.

E, finalmente, Hernández recordou que o Diario Oficial de Galicia(DOG) publica este venres a resolución pola que se somete a información pública o proxecto de saneamento da localidade pontevedresa de Cuntis e que supón unha inversión de 1,3 millóns de euros.

Te puede interesar