RABO DE NUBE

Un clásico desordenado

sliderserrat_result

A presencia deste disco-libro de Serrat, Antología desordenada, provoca en min unha chea de sensacións contrapostas

A presencia deste disco-libro de Serrat, Antología desordenada, provoca en min unha chea de sensacións contrapostas. As do fan convencido do primeiro Serrat, en catalán e español, o que chega -poñamos- a 1978, data de publicación do último disco que lle merquei, Tránsito, cando pasei ser un oínte efémero do cantante do Poble Sec, agardándolle esa resurrección que nunca terminei de atopar. Supoño que porque cancións como “Ara que tinc vint anys”, “La tieta”, “De mica en mica”, “Poema de amor”, “Mediterráneo” ou “Aquellas pequeñas cosas”, escríbense unha vez e reiterar ese camiño, entrados xa en anos, non é doado. A música lixeira é o que ten, que a culta ou clásica, por manexarse nun espectro moito máis amplo, en composición e interpretación xa é outro cantar. Paréceme.

Pois ben Serrat agora dispuxo, nunha escolma sen orde cronolóxica, eis o por que do título, catro cedés con temas apañados do seu repertorio, músicas e letras súas, agás as excepcións Machado, Hernández e bótalle fío ao papaventos da poética musicable. Unha escolma ou antoloxía que, por definición, bota man de todas as épocas do seu autor. De maneira que por aí entran moitas temas da época na que xa non quixen tanto, como quería, ao cantautor barcelonés. Quen, para o caso, botou man dunha chea de cantantes amigos (pouca xente no mundo artístico que provoque tantas adhesións como o autor de “Mare Lola”). Lolita Flores, Aute, Pablo Alborán, Paquita la del Barrio, Les Luthiers, Pablo Milanés, Silvio Rodríguez deíxándose ver neste conxunto de discos no que fan canto poden, que é moito. Un conxunto que desfrutarán os incondicionais de Serrat. Eu, como digo, pretérito condicional, non deixei de facelo. Aínda que ao escoitar esta voz de home serodio, lonxana a frescura da primeira “Canço de matinada” -aquí volve estar, marabilla- ou de “Canço de bressol” (“Por la mañana rocío/ al mediodía calor…”), un non deixe de sentir unha certa tenrura por aqueles anos mozos, cando Serrat abría os nosos oídos a unha canción comercial posible sen desbotar calidade e, áinda, compromiso. Cando tíñamos vinte anos e gañas de facer rodas cadradas. Como dixera Quico Pi de la Serra (tamén artista convidado neste disco-libro).

Te puede interesar