LA REVISTA

Granada negra

Recoñezo en Justo Navarro, poeta polo demais chamativo daquilo que se dera en chamar “nova sentimentalidade”, autor dun libro primordial, Un aviador prevé su muerte

Recoñezo en Justo Navarro, poeta polo demais chamativo daquilo que se dera en chamar “nova sentimentalidade”, autor dun libro primordial, Un aviador prevé su muerte, unha facilidade para criar atmósferas, básicas á hora de escribir novelas negras. Como esta que teño diante miña, tan descriptiva daquela Granada de 1963, en vésperas da chegada do Caudillo, a remendar presencialmente (di a terrible xerga escolar de hoxe) unhas inundacións que mandaran á cova definitiva a habitantes das covas aquelas infrahumanas (logo reclamo turístico, por certo). Tan viva, aínda que presidida pola morte, primeiro a do hóspede dun hotel, visitante adicado á tarefa de mercar terreos á baixa (marcada por quen fai a oferta) e logo bótalle fío ao papaventos da desfeita.


Tan atmósferica que lembra aos climas criados por Georges Simenon, nas novelas de Maigret, pero sobre todo nas “outras”, cando entra un nacho nun “bistrot”, belga ou do Norte de Francia, e sacode a auga das abas do chapeu, e o aire do local cheira a tabaco e cervexa e calvados. Algo así. O que pasa é que Navarro, granadino el mesmo, de 1953, leva o seu clima (tamén o seu clímax) ao Sur. A esa provincia onde os bares son máis abertos, menos hixiénicos se cadra, con máis boureo. O das criadas cando descubren asasinatos. Cando se contradin diante da brutalidade policial.


Unha novela, Gran Granada, onde todo canxa e a homosexulalidade pode servir como chantaxe, sen dúbida, mais tamén como texto e pretexto nunha narración onde nada é o que semella. E non obstante todo lembra a unha época. Cunha canción de Mina na introducción ao libro, cal nun “juke-box” á beira dunha “pin-ball” como aquelas que combinábamos os cativos da época co futbolín. Os “matraquilhos” dos portugueses. Os rapazolos da época que sabíamos de Mina pero escoitabamos nas radios, nos “discos adicados” a unha máis racial Gelu, cantando ese “Flamenco Rock”: “A las cinco de la tarde los muchachos en Granada si no van a la corrida van al cine o al futbol…” Ben entendido que futbol con acento agudo, para meirande racialidade. Gelu, por certo, tan de Granada como Justo Navarro e a súa novela, dunha rara plásticidade (e concepto). Parece que aquí hai película. Veremos. ¿Verémola?

Te puede interesar