CON TEXTO

Humor e concepto

91e2um6kkal_result

Quinito López Mourelle é un escritor afoutado que non lle teme ao dito aquel de C. J. Cela segundo o cal este país non dá máis que para unha idea.

Quinito López Mourelle é un escritor afoutado (compre selo para asinar con semellante hipocorístico, con sabor a viño quinado ) que non lle teme ao dito aquel de C. J. Cela segundo o cal este país non dá máis que para unha idea. Porque Quinito é pianista, pianista de jazz para meirande exactitude, e nesa condición ten gravado varios discos (dalgúns deles demos conta nestas páxinas) e –igualmente- saboreado unha chea de música allea escoitada polo autor na “composición, escrita e corrección desta novela”. Isto último non é habitual no xénero, que o escritor confese influencias, digo, aínda que estas sexan musicais, polo que comprirá saudar con interese a novidade. Tamén que Quinito aborde, tamén con afouteza, no seu libro o humor. Un humor conceptual que se mantén de cápsulas ou celas para ir forxando toda unha colmea (de novo Cela, e é que non debemos esquecer o que o padrones tiña de humorista) chea, pletórica, de abellas laboriosas por funámbulas (subliñemos que a novela de López Mourelle vé a luz nunha colección, fermosamente editada, que se chama “La mirada del trapecista”).

De maneira que cada unha destas caselas ten un aquel, lexible de xeito independente mais artellando un conxunto no que imos do sorriso ao riso para –despois- saltar á gargallada aberta. Porque aquí o que non é hilaridade é estronicio do risorio (de Sartorini) servido sobre dun prebe surrealista, e aquí fago un inciso para dicir que poucas veces teño rido tanto como mentres vía Un chien andalou (de El ángel exterminador nada digo porque aínda sigo morto de risa). Non, non vou contar de que vai o libro de Quinito. Mellor que cadaquén entre nel (con dereito a bulir nas súas páxinas petiscando ou ramoneando, “browsing”, palabra inglesa que o mesmo vale para ir de compras como para denominar o petiscar ovino) a risco propio. A risco de sentir fascinación diante deste humor intelixente (no concepto) e elegante no fraseo. Un senso (ou “nonsense”) surreal peneirado por unha toma de posición británica. Como de Sterne, pasado por Sharpe (e un certo Wilde, na brillantez do diálogo). Falaba de fraseo, consciente do toque musical que lle estou dando á reseña. E é que Quinito López Mourelle dá para máis dunha idea. Si.

Te puede interesar