LA REVISTA

Invernos e infernos

A  primeira, de Brendan Keily, traducida ao español por Claudia Conde, na que se nos narra en clave de “bildungsroman” ou iniciación á vida, o percorrido dun rapaz

Facía falla unha novela como esta. Unha novela ben escrita, o que cada vez dista máis de ser un pleonasmo, unha historia  afoutada que encarase ese pecado nefando, do abuso sexual de cativos, entre un clero católico, o dos Estados Unidos, a contar co silencio cómplice cunha parte da xerarquía, que antes de denunciar o que estaba acontecendo prefería agachar o lixo no faiado das sancristías ou cambiar, de dióceses ou mesmo de país, para o caso, Canadá, desde o Connecticut que centra a historia, aos infractores deixando que fose o vento do esquezo o que axudase a apagar un lume voraz aínda que soterrado. Non foi así, e serían os damnificados quen, vencendo vergoñas, ergueron a voz contra desa estraña caterva, quen de arruinar vidas para sempre.

Por aí os tiros desta novela, a primeira, de Brendan Keily, traducida ao español por Claudia Conde, na que se nos narra en clave de “bildungsroman” ou iniciación á vida, o percorrido dun rapaz que agacha detrás súa os abusos cometidos nel por un Padre Greg, adalide da congregación do Preciosísimo Sangue de Cristo. O tal Greg conta coa complicidade (pasiva) do Padre Dooley. No interín imos vendo un fondo familiar confuso onde os país de Aidan, o protagonista, van cada un polo seu vieiro, e o rapaz fuxe cara adiante nun percorrido que lembra ao de Holden Caulfield en O gardián no centeo. O único que Bernard Kiely, non sendo Salinger, opta por unha saída máis melodramática pero cun aquel, reforzado pola procura da identidade sexual do rapaz quen conta, para iso, coa axuda dunha boa samaritana.

Polo demais o Aidan non é a única víctima do depredador vestido de “clergyman”, co que a cousa se complica nun libro dignísimo que explora un vieiro no que o Papa Francisco semella disposto abrir as fiestras duns tugurios cheos de po secretista. Os que denuncia Brendan Kiely, nun libro con cousas de narrativa, mais tamén de crónica, conformando un conxunto que ten moitísimo de docudrama. Tamén de retrato fidelísimo dun “american way of life”, no que as chequeiras sirven para tapar buracos pero non para facer que desaparezan as raíces dos problemas. Paradigmático o “vello” Donovan, pai de Aidan Donovan, tan “missing” da realidade cal a xerarquía eclesial.

Te puede interesar