LA REVISTA

Roberto Pascual: 'A cultura paga os pratos rotos da crise'

la foto 1_result
photo_camera Roberto Pascual.

Entrevista co xefe de estudos da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, que dirixe ademais dende 2009 a MIT de Ribadavia

Roberto Pascual é xefe de estudos da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, e dende 2009 dirixe a MIT de Ribadavia. Escribe en diversos medios relacionados coas artes escénicas e ten publicado artigos en distintas universidades coma Toulouse, Salamanca, Complutense ou Berkeley (California). Agora prepara un proxecto online para a divulgación da terminoloxía teatral.

Que lle aporta o teatro a súa vida?

Aprendizaxe, crecemento e emocións moi saudables. O teatro ofréceme a oportunidade para coñecer novos lugares, lévame a moitos escenarios na procura de novidades, tendencias ou mestres da escena, e para min viaxar e encontrarme con artistas de distintos contextos supón unha das experiencias máis estimulantes e enriquecedoras tanto a nivel persoal como profesional.

Se non existira Ribadavia habría que inventala?

 Pero non sería a mesma... Ribadavia é paisaxe pero tamén memoria, é goce fugaz do viño ou do teatro pero símbolo permanente acumulado e proxectado cara o futuro. Afortunadamente, indomable para poder inventala, a pesar da pedra e da súa historia...

Eso de que a Mostra apareza nos Presupuestos Xerais do Estado é un recoñecemento institucional?

 É un sinal de respeto pola diversidade cultural do Estado, que iso aconteza supón, ademais, estabilidade e capacidade organizativa para a procura da calidade, a definición de alianzas e o reforzo na xestación de novos proxectos. A responsabilidade do Estado, dentro diso que chaman “marca España”, tamén debe estar no apoio firme e sólido ao conxunto de linguas e culturas e, neste sentido, apoiar á MIT supón consolidar un dos referentes da identidade cultural galega, un patrimonio vivo cunha forte dimensión social e histórica pero coa fortaleza e a potencialidade da xuventude.

Ten a MIT os galóns que merece?

 Ao longo de máis de 30 anos foi logrando o recoñecemento dunha diversidade ampla de profesionais e usuarios, o que nos fai ver que non é un proxecto para unha minoría social senón un orgullo colectivo amplo.

A xestión cultural en tempos de crise require moita imaxinación?

Esixe máis ben coraxe, tenacidade, pelexa audaz e reforzo do compromiso, sobre todo cando a crise non está provocada nin pola cultura nin polos traballadores, sobre todo cando se ve a cultura pagar os pratos rotos da crise de maneira inxusta, angustiosa e precaria.

O público é soberano?

O público é o motor, o cómplice e a diana do discurso. Tanto nas tarefas de mediación dun director de calquera espazo escénico como no deseño desa convocatoria ritual á que nos convida sempre o teatro, o público debe ter sempre un rol activo.

Que criterios segue para seleccionar os espectáculos?

Entendo a dirección dun festival como a elaboración dun repertorio que, en cada edición, ofrece unha determinada maneira de ver e entender o mundo, de relacionarse. Procuro a coherencia tanto na escolla formal, estilística ou relacionada coas características do espazo dos que dispomos, algo que nos condiciona pero que tamén nos provoca estímulos, xa que ningún é convencional.

E vostede máis de traxedia ou comedia?

Son máis ben de xéneros híbridos, coma moita escena contemporánea, do fronteirizo, do cuestionamento permanente das etiquetas dende o rigor. Son, dende a orixe, da mestizaxe honesta e exploradora, non do pastiche afectado ou presuntuoso.

É difícil conxugar calidade, o comercial e o rigor económico?

 Non é difícil conxugar calidade e eficiencia na xestión se as normas que guían a conduta e os feitos se corresponden co desexable e co esperable dun servizo público. Os feitos delátannos, iso é algo que tamén nos ensina o teatro, onde os signos son fundamentais. Dende a MIT, temos amosado, con evidencias, que buscando a independencia e sen obedecer ás regras impostas polo mercado é posible innovar e consolidar un encontro multitudinario de visitantes na procura dunha oferta escénica accesible para todas as persoas, igualmente ambiciosa, esperta, renovadora.

O Goberno galego e o lobby cultural non acaban de entenderse...

Non creo que haxa lobbys na cultura. Creo que máis ben o que existe é un conxunto de artistas co lexítimo desexo de que as súas creacións teñan unha relación dinámica co público, de traballar con seguridade, de mellorar co apoio e o estímulo público, de facernos sentir orgullosos cunha expresión, cunha lingua propia que cultivan e aman pero que, pola contra, semella desconsiderar de xeito permanente un Goberno galego que, ou ben por desleixo ou ben por desafección, só parece capaz de xerar, á vista da realidade, hostilidades e burbullas tan efémeras como incertas e oxidantes.

Te puede interesar