Con Texto

Victoria da luz

Victoria2

O grupo vigués "Xardín desordenado" homenaxea a María Victoria Moreno cun cd de oito poemas-cancións co título “Victoria da luz” no que traballan a melodía suave, con evos de “bossa nova” brasileira

Moito me temo que a RAG, na súa carraxe anti-Carvalho Calero, non está favorecendo –precisamente-, aos escollidos, ano tras ano, en detrimento do polígrafo ferrolán. Digo isto porque con semellante desprezo a RAG semella ocupar un espazo, digamos, marciano. O que, insisto, sen minguar a Carvalho, ¿como poderían?, non engrandecen aos substitutos. A deste ano, María Victoria Moreno Márquez, quen entre outros méritos, ten o ser unha cacereña, de Valencia de Alcántara, quen destinada, como docente en Galicia dera non soamente en estimar a nosa lingua senón en facer dela ferramenta de traballo, comunicativo e -específicamente- literario. Neste territorio Moreno exerceu de todoterreo, con especial adicación aos lectores infantís, mais sen esquecer unha vocación poética semiclandestina,  agachada por outra das súas especialidades, a de antóloga.


"Elexías de luz" pódese entender como o testamento poético de Victoria Moreno


Como poeta María Victoria deixou un libro, “Elexías de luz”, que se pode entender (publicouse o ano da súa morte, 2006), como o seu testamento poético. Ao que se debe engadir, agora con música incluida, o cedé do grupo radicado en Vigo, Xardín desordenado, que se titula Victoria da luz. Como poeta Moreno Márquez practicaba a liña clara, sen apenas concesións aos excesos conceptuais de compañeiros seus xeracionais. Como músicos Xardín Desordenado, aínda que teñan un directo máis “cañero”, traballan a melodía suave, con ecos brasileiros, de “bossa nova”, un supoñer, axidados pola voz tan suxerente da súa solista, Marlene Rodrigues. Que se deixa levar polos carreiros deseñados por Santiago Ferragud e Isaac Garabatos, líderes da formación.

Este cedé consta de oito poemas-cancións, sete en galego e unha canción de berce en español. Por certo que esta última é unha mini-xoia da que non me dou desprendido nestes días preestivais, Nos que viaxo no comboio que propón, a partir dos poemas de Moreno Márquez, Xardín Desordenado, con cancións tan musicais, valla o pleonasmo, como “Tren de pesares”, pura onomatopeia, que nos conduce a ese paraíso soñado por xente xenerosa como María Victoria. Quen convence coa luz que proxecta Xardín Desordenado. A quen lles pido que vaian preparando poemas de Ricardo Catvalho Calero. Malia a RAG.

Te puede interesar