festival

O "Cinema de Historias" reúne hoxe a escolares no auditorio

As proxeccións do festival retomaranse esta tarde no Auditorio Municipal e na Casa da Cultura

Centos de escolares dos centros da mancomunidade desprazaranse hoxe ata o auditorio municipal para participar en "Cinema de Historias". Trátase dunha das actividades promovidas paralelamente á celebración da terceira edición do Festival Internacional de Curtas de Verín, FIC Vía XIV, que arrancou o pasado sábado. 

Raquel Queizás será a condutora desta iniciativa que pretende espertar nos máis novos a súa curiosidade pola séptima arte e que se desenvolverá durante a mañá de hoxe luns, e se prolongará ata este mércores. Non é a única actividade dirixida aos estudantes da comarca, xa que alumnos de distintos graos da ESO e Bacharelato aprenderon a realizar curtas e recibiron clases sobre temática audiovisual nas últimas semanas. 


Segunda xornada do FIC


Logo da súa inauguración, o FIC celebrou onte domingo a súa segunda xornada coa proxección das curtas que compiten nas categorías "A Outra Mirada 2", no auditorio municipal; e "A Outra Mirada 1", na Casa da Cultura. Precisamente, neste último espazo celebrouse unha charla de María José García Salgado que, a través da emisión de secuencias de distintos filmes, analizou a relación entre o cinema e o Dereito. 

As proxeccións retomaranse esta tarde, a partir das 17,00 horas, no auditorio municipal e, á mesma hora, na Casa da Cultura de Verín. As entradas terán un custo simbólico de dous euros.

Te puede interesar