festividade

O Concello edita o himno que promocionará a Festa do Pulpo

photo_camera Antonio Santiago, Xosé Luis Foxo, Francisco Fumega, Felipe Senén, Manuel Mosquera e Jaime García

Titulado "Pulpeiriña do Arenteiro", está interpretado pola Coral do Casino e a Real Banda de Gaitas

 Autores e interpretes xunto coas autoridades municipais do Carballiño presentaron onte o CD "Pulpeiriña do Arenteiro", que acaba de editar a Alcaldía, cuxa letra é de Felipe Senén, música de Xosé Luis Foxo, e que está interpretada pola Coral Polifónica do Casino e a Real Banda de Gaitas da Deputación, que aportou tamén a este disco outras quince pezas.

Editáronse 1.000 exemplares, que serán distribuidos como un agasallo da Alcaldía, e contén dous libriños con fotografías dos anos 40 e 50 de pulpeiras e outras recentes das últimas Festas do Pulpo, das que é autor José Luis Diz, ademais dun artigo de Felipe Senén sobre a memoria histórica dos cantares no Carballiño desde os anos 50 ata finais do século XX.

“Agora si podemos dicir que a nosa romaría gastronómica por excelencia ten xa a súa propia cantiga, resultado dun bo traballo”, apuntaba o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega. O rexidor manifestaba que "é unha contribución para exaltar a romaría máis grande de Galicia, anunciando que, se non é neste ano, será no próximo que a festa consiga a declaración de Interés Turístico Internacional.

O historiador Felipe Senén manifestaba que "a tradición merece cantarse, que é o que estamos a facer", referíndose á labor de Xosé Luis Foxo que acompañou este cantar cunha música tradicional. "Entregueille as ideas a Foxo e el fixo o encaixe", sinalou.

O director da Real Banda de Gaitas, Xosé Luis Foxo, matizaba que "o meu oficio é recoller cantigas e esta é unha versión deses canto populares", engadindo que se sentía honrado de que o Concello pensara nel e de traballar xunto con Felipe Senén. O director da Coral do Casino, Jaime García Pichel, dixo que se lle diu un aire popular e cercano á cantiga para que se cante nas casas e nas festas, e que por iso interpretouse cun diálogo entre un tenor e unha soprano para rematar con todas as voces.

Os asistentes entonaron a cantiga

Ao remate do acto de presentación da "Pulpeiriña do Arenteiro", os protagonistas e asistentes entonaron a cantiga co acompañamento á gaita de Xosé Luis Foxo. Esta gaita que tocou data de principios do século XIX e foi a mesma que utilizou o seu fillo Marco Foxo durante a gravación da canción. Ao acto tamén asistiron o concelleiro de Turismo, José Manuel Dacal; o portavoz do grupo municipal Alternativa Veciñal, Bernardo García; a concelleira e deputada provincial do PP, Teresa Cerdeira; así como directivos da Coral do Casino, como o secretario, Antonio Luis Santiago; e representantes de diversas entidades  musicais históricas do Carballiño, como Os Liborianos. Os portavoces do PP e BNG, Argimiro Marnotes e Francisco Ferreiro, respectivamente, disculparon a súa ausencia por motivos ineludibles de traballo.

Te puede interesar