MONTERREI

Tecnoloxía e tradición danse a man no Lázaro de Verín

180317 LAZARO 2018 INAUGURACION AGRO+VERINIMG_8838 CMZ
photo_camera O alcalde, segundo pola esquerda e Diego Lourenzo, primeiro pola dereita, e outras autoridades, na inauguración.

O pavillón municipal acolle a feira Agro+Verín, iniciativa do Concello e do centro Portas Abertas 

Verín presenciou onte unha intensa actividade como consecuencia das celebracións relacionadas co San Lázaro. O pavillón municipal de deportes abriu as súas portas para acoller a veciños e turistas interesados nos proxectos que aquí se recollen, na Feira do Lázaro, que recibe este nome en conmemoración ó santo. A edición que se celebra este ano leva por nome Agro+ Verín, e destaca como a convocatoria na que máis presencia ten a evolución e a innovación no mundo do rural. Fontes da administración local verinense manifestaron que neste evento, agricultura e tecnoloxía "van da man" e son os piares fundamentais. Ademáis, destacaron o "renovado modelo de feira" que se presenta nesta ocasión, co que pretenden resaltar o importante papel do rural, tanto para esta comarca como nos arredores. 

Diego Lourenzo, tenente de alcalde de Verín, afirmou que baixo a nova marca Agro + Verín, “podemos saudar hoxe aquí a todos estes expositores galegos e portugueses con referentes nas máis punteiras novidades da tecnoloxía agraria, en maquinaria, técnica ou productos cuxa demanda está sendo tendencia". Mostrou a súa intención de fomentar o novo mundo que se abre ca evolución neste eido, tendo como obxectivo final "dar expectativas de futuro ós nosos mozos e mozas para que non fuxan da súa terra". Este é un dos principais problemas que presenta o agro, e que máis preocupa ás autoridades, que tratan de poñer en marcha iniciativas como esta para evitar o despoboamento. "Queremos que a xente nova teña, como acontece noutros países, soños e plans por realizar na nosa terra”, asegurou Lourenzo.

A Feira contará, durante os días 1 e 2 de abril, cunha interesante exposición de mostras, ubicada no mesmo emprazamento. Este engadido ós productos que xa se poden ver desde onte, contarán con moitas sorpresas para os visitantes, todas elas relacionadas cos cambios que se levan experimentando no rural e nos traballos que antano se practicaban de forma moi diferente, conxugando tradición e innovación.

Agro + Verín esta organizado polo Concello de Verín, coa colaboración do centro de desenvolvemento rural e Portas Abertas. O acto inaugural foi presidido polo tenente de alcalde verinés, Diego Lourenzo, e contou coa presenza, entre outros representantes políticos, do Vice-Presidente da Cámara de Chaves, Francisco António Chaves de Melo.

Te puede interesar