INVESTIGACIÓN

A Universidade investigará as orixes do Concello de Oímbra

Foto Oimbra_result
photo_camera A alcaldesa de Oímbra, Ana María Villarino Pardo, asinando co reitor de Universidade, Salustiano Mato.

A procura de datos farase fundamentalmente en arquivos estatais, autonómicos e provinciais

O rector da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e a alcaldesa do Concello de Oímbra, Ana María Villarino Pardo, asinaron un convenio de colaboración polo que a entidade académica afondará na historia do municipio, en pos do acordo asinado no que a institución municipal achegará 4.000 euros para o seu financiamento. 

Como así se recolle no tenor literal do documento, "o propósito é realizar actividades e proxectos en forma conxunta en materia de investigación histórica e documental sobre as orixes do concello de Oímbra". Entre elas, figura a recuperación e síntese de toda a información de carácter documental coñecida sobre o mesmo a través da consulta de toda a bibliografía e fontes apropiadas espalladas, esto é, os diferentes arquivos estatais, autonómicos, provinciais e mesmo os da Diócese e da catedral ourensán. 

A alcaldesa de Oímbra, Villarino Pardo, amosou a súa satisfacción polo acordo alcanzado, "que nos permitirá coñecer a nosa historia, porque considero que é primordial saber de ónde vimos para poder definir claramente as liñas do noso futuro", sinalou. A primeira edila adiantou que "cando teñamos nas nosas mans as primeiras conclusións do traballo, de seguro teremos información para deseñar políticas que non fagan senón que mellorar a vida dos nosos veciños pero mantendo o maior respecto cas orixes de todos nós". 
Segundo ela mesma confimou, "é o primeiro convenio de investigación documental que a Universidade asina cunha institución pública, e estou segura que dende Oímbra sinalaremos o camiño a moitos outros concellos que queiran saber máis das súas orixes". 

No traballo de investigación participarán profesionais do mesmo departamento, o de Historia, Arte e Xeografía da Universidade, aínda que haberá diferentes áreas establecidas. Así, Beatriz Comendador, da de Prehistoria, terá o cometido de mergullarse na Prehistoria e Historia Antiga de Oímbra. Beatriz Vaquero e Francisco Javier Pérez Rodríguez, pola súa banda, serán os responsables de afondar nas épocas medieval e moderna. Todos terán á decana de Historia, Susana Reboreda, como líder do estudo. 

Con independencia dos resultados deste ambicioso proxecto, Oímbra é uno dos concellos que conta cun importante rexistro de lagares rupestres no seu territorio. "E o primeiro municipio galego en número destas construccións catalogadas, que certifica que a extraordinaria cualificación do seu clima e das súas terras para o cultivo da vide xa ven de moito tempo atrás", sinala Ana Villarino.

Te puede interesar