MEDIO AMBIENTE

A Xunta impulsará dende o concello de Riós un plan de recuperación de soutos

Un souto de castaños no termo municipal de Riós.
photo_camera Un souto de castaños no termo municipal de Riós.
Un acordo de 130.000 euros promocionará a riqueza forestal de Lugo e Ourense

O Centro de Desenvolvemento Agroforestal de Riós converterase nun punto estratéxico para promocionar e recuperar a riqueza forestal das provincias de Lugo e Ourense. O Consello da Xunta dará luz verde ao longo da xornada de hoxe á sinatura dun convenio co propio Concello de Riós por valor de 130.000 euros e que terá na recuperación dos soutos tradicionais un dos seus eixos fundamentais. 

Entre as actuacións previstas neste acordo, o cal estará vixente ata o 31 de decembro de 2021, atópase, en primeiro lugar, a identificación de soutos tradicionais en ambas provincias, así como de frondosas autóctonas de especial interese tanto para a produción como para a conservación dos recursos xenéticos forestais

Por outra banda, grazas a este convenio especial incrementarase a vixiancia contra as doenzas propias do castiñeiro e de masas de frondosas autóctonas de especial interese. Neste punto, e para atallar o cancro do castiñeiro, o Centro de Desenvolvemento Agroforestal de Riós porase en contacto con cooperativas e asociacións de produtores de castaña coa finalidade de localizar cepas da enfermidade.

Con respecto á avespa do castiñeiro, outra das principais pragas, o Centro coordinarase con cooperativas e asociacións de produtores para divulgar as soltas que está a realizar Medio Rural do parasito Torymus sinensis. No que atinxe ás actuacións de loita biolóxica -en especial coas cepas hipovirulentas e co parasitoide Torymus sinensis que realiza a Consellería do Medio Rural- o Centro colaborará coa localización e co seguimento das actuacións de fincas que poidan participar na dispersión dos axentes.

En canto aos traballos de sanidade sobre frondosas autóctonas, o de Riós será un centro de recepción de avisos de pragas e doenzas. 

O convenio que se asinará a partir do día de hoxe incluirá a formación a profesionalizar o sector e que se dividirán en cursos e xornadas dirixidas a tres colectivos: produtores en activo, persoas e profesionais que pretendan iniciar unha actividade agraria e, por último, desempregados que busquen unha oportunidade.

Creación de novas agrupacións forestais 

Este acordo enmárcase no obxectivo de impulsar a multifuncionalidade dos montes galegos previsto no Plan de Reactivación e Dinamización da Consellería do Medio Rural para mellorar a competitividade do sector agrario galego tras a emerxencia sanitaria. Neste senso preténdese recuperar arredor de 30.000 hectáreas de soutos tradicionais para impulsar a actividade económica ligada ao territorio e poñer en valor a produción de castaña na comunidade galega. Do mesmo xeito, e a través deste plan, búscase fomentar accións dirixidas á boa gobernanza en montes privados, en particular mediante a reactivación de comunidades de montes veciñais en man común que se atopen nunha situación estatutaria e legal de carácter irregular, así como a creación, mediante as diferentes fórmulas xurídicas existentes, de novas agrupacións forestais de xestión conxunta. Ao tempo, e dentro dos instrumentos previstos na futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, impulsaranse fórmulas de tipo cooperativo ou asociativo. 

Te puede interesar