A clausura beneficiará a unha poboación de 2.200 persoas na zona

A Xunta sela vertedoiros na Gudiña e Vilariño

O vertedoiro de Vilariño atópase perto do embalse das Portas.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas sacou á licitación as obras de adecuación, selado e clausura dos vertedoiros de residuos urbanos dos concellos da Gudiña e Vilariño de Conso. Estas actuacións encádranse dentro do Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos e o selado destes dous vertedoiros beneficiará a unha poboación de máis de 2.200 persoas.
Na Gudiña realízase unha achega económica de 755.000 euros para a execución das actuacións no vertedoiro, situado entre a parroquia de San Mariño e San Pedro, na estrada N-525 en dirección A Cañiza.

O obxectivo básico desta actuación é recuperar a calidade paisaxística da zona ocupada polo vertedoiro xa que se encontra afectada polo efecto visual das condicións actuais da vertedura.

O vertedoiro ocupa unha superficie de máis de 54.000 metros cadrados. A súa apertura produciuse no ano 1984 e a súa clausura o pasado xullo do 2009. Este vertedoiro xestionaba os residuos orgánicos dos concellos de Riós, A Mezquita, Vilariño de Conso e A Gudiña. O volume de residuos acumulado ascende a 52.528 metros cúbicos.


En Vilariño de Conso

A Consellería tamén publicou a licitación das obras de adecuación, selado e clausura do vertedoiro de residuos urbanos de Monte de Veiga Camba, en Vilariño de Conso.

Os terreos deste centro de recollida de residuos ocupan 4.500 metros cadrados, atópanse a 9 quilómetros ao sur do núcleo urbano e dividen dous polígonos na zona. O vertedoiro, situado preto do Embalse das Portas, estivo en funcionamento arredor de 20 anos e chegou a almacenar 5.849 toneladas de residuos. O tipo de residuos atopados son cinzas, polo que se deduce á queima das verteduras depositadas alí. Noutros estratos onde se analizou o tipo de material depositado atopáronse restos de material orgánico e residuos de pneumáticos. Cómpre dicir que apenas se atoparon residuos voluminosos, xa que o vertedoiro hai tempo que deixou de estar en funcionamento. Polo tanto, o lixo depositado atópase tapado.

Actualmente, a Consellería xa ten pechados 230 vertedoiros.

Te puede interesar