MUNDO

Trump vs. Gorvachov, cita en Berlín

<p></p>

Trump quere levantar outro na fronteira con México de 3.200 quilómetros de lonxitude, e Peña Nieto, o presidente de México, acaba de perder esta semana a oportunidade de chegar a tempo a esa cita con Gorvachov e a Historia.

Quen chegue tarde á cita será castigado pola Historia” con esta frase Mijaíl Gorvachov liquidaba a RDA ante a mesmísima faciana de Erich Honecker. Era 1989 e o comezo da fin do muro de Berlín, o penúltimo gran muro da vergoña do mundo. Digo penúltimo porque o último segue a ser agora mesmo o que divide Israel de Palestina, aínda que seguro que algún máis se me escapa.

Trump quere levantar outro na fronteira con México de 3.200 quilómetros de lonxitude, e Peña Nieto, o presidente de México, acaba de perder esta semana a oportunidade de chegar a tempo a esa cita con Gorvachov e a Historia.

A día de hoxe aínda non está moi claro o que se lle pasou pola cabeza ao mandatario mexicano para invitar a Donald Trump ao seu país e dignificalo con honras de xefe de estado. Donald nunca se viu noutra. Peña Nieto xustifícase aseverando que México está a ser ameazado, e a mellor forma de enfrontar esa ameaza é cara a cara. Pode ser un argumento razoable se Trump non fora Trump e se o presidente de México non se tivera achicado na rolda de prensa conxunta posterior ao encontro. Para alguén quen non vira a Trump chamar delincuentes, violadores, traficantes etc. aos mexicanos durante o último ano, escoitando o seu discurso ao carón de Peña Nieto, ata parecería que lle caen ben os mexicanos e os respecta. Nada máis lonxe da realidade.

Interpretacións

De todas a interpretacións que se están a facer desta viaxe o único que sae perdendo en todas é o presidente dos Estados Unidos…Mexicanos -que este é o verdadeiro nome do país-. Para o seus, Trump amosou nesta xuntanza o seu carácter de estadista, e sinalan que xa está probado que é quen de comportarse máis aló da fronteira de Texas. Esta tese podería ser certa se non fora porque horas máis tarde o candidato republicano daba o xa famoso e agardado discurso de Arizona sobre a Inmigración.

Semellaba polas declaracións das últimas semanas que ía suavizar a súa postura sobre os ilegais, o muro e as deportacións masivas…pero non. Moi ao contrario, insistiu nelo co mellor estilo dos paiasos da tele cando lle preguntaban aos nenos: “como están ustedes?” Pois iso fai Trump coa audiencia cada vez que fala do muro, pregunta: “Estades listos?” E logo solta o famoso “imos construír o muro e México vai pagar por el”. Largar isto apenas 5 horas despois de reunirse en ton conciliador co presidente veciño é o que se coñece en termos da NBA como un “in your face” de manual. “In your face” (na túa cara) úsase cando un xogador reta a outro e acaba a xogada cun mate en toda a faciana do rival, humillante. Pois Trump fíxolle un “in your face” a Peña Nieto descomunal.

Para que non fora así Trump debería terse desculpado polos insultos que leva proferido contra todos os mexicanos, e non o fixo. Trump debería ter falado do tráfico de persoas na fronteira, pero tamén da parte do rédito que sacan as mafias americanas. Trump debería ter falado do tráfico de armas dirección USA-México -un gran negocio- para fornecer aos cárteles da droga que están a destruír o país. Trump debería ter falado do tráfico desa droga cara a Estados Unidos, que é o principal consumidor da cocaína dos cárteles mexicanos, e de como atallar ese problema interno. Pero Trump só se centra nos traballadores ilegais. Por certo un matiz moi importante. O feito de estar ilegal nos Estados Unidos non significa que non pagues impostos. Aquí diferencian o estatus migratorio do fiscal.

Papeis en regra

Un empresario non ten a obriga de pedir a un solicitante de emprego os papeis de si está legal ou non, o que lle ten que pedir é que teña os papeis en regra para pagar ao IRS (Internal Revenue Service), a Facenda en USA. E para conseguir eses papeis non fai falta estar legal no pais. Resumindo, o que lles interesa en Estados Unidos é que cotices. Por que perdeu a oportunidade Peña Nieto? Preguntado en rolda de prensa se falaran do muro e se México ía pagar por el, Trump -con Peña Nieto ao carón- dixo que dese asunto non discutiron e a Peña Nieto lle faltaron arrestos para desdicilo…p ero ese era o momento, era aí cando había que estar a altura da Historia. O mexicano, vía Twitter, escribiu logo que si falaran diso e que lle deixou moi claro a Trump que México non ía pagar o muro. Peña Nieto chegaba tarde e xa tiña ao seu país nun grao de indignación supremo.

A terceira pata do banco. A negación de Trump de que discutiran do muro e o posterior desmentido de Peña Nieto serviulle aos demócratas para atacar ao magnate. Estes cualificaron a visita de “amateur”. Dixo o senador Tim Kaine, candidato á vicepresidencia con Clinton, que logo dun ano falando do muro non era crible que non saíra o tema, e que había dúas opcións: se non falaron é que Trump non tivo a valentía de dicirllo cara a cara a Peña Nieto, o que o descualificaría como home de estado; e dúas, que Trump mentiu na rolda de prensa… cousa que semella obvia vendo o discurso posterior de Arizona e as palabras a touro pasado do propio Peña Nieto.

As verbas de Gorvachov no 89 foron un claro aviso a navegantes, tanto que o muro de Berlín caería dous anos máis tarde. Peña Nieto perdeu a ocasión de dignificar aos seus, veremos se, se chega o momento, é quen de plantar cara e non é cómplice do levantamento do muro da vergoña do século XXI. El Paso non pode ser Berlín.

Te puede interesar