Unha andaina reivindicará a ruta cultural dos arrieiros

Luis González Tosar durante a presentación dunha actividade na Insua dos Poetas.
photo_camera Luis González Tosar durante a presentación dunha actividade na Insua dos Poetas.
A Fundación Insua dos Poetas recreará os anos 20 con 50 figurantes, carretas e cabalos

A Fundación Insua dos Poetas organiza para o próximo sábado a primeira Andaina Camiño de Nós 1926-2021 coa idea de que teña continuidade en anos sucesivos, segundo indicou o presidente da entidade, Luis González Tosar. Será unha andaina diferente xa que estará ambientada na década dos anos 20 do século pasado e enmárcase dentro das iniciativas que se levan a cabo para impulsar o camiño cultural dos arrieiros, que percorreron membros da Xeración Nós.

A iniciativa conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, o Xacobeo 2021-2022, da Deputación provincial de Ourense e do Concello do Carballiño.

A participación é aberta ao público, que disfrutará dun interesante percorrido e dunha recreación da época que desenvolverán uns 50 figurantes, representando aos arrieiros nas súas carretas, haberá tamén xinetes a cabalo, gardas civiles e pandereteiras, entre outros personaxes.

A saída está prevista para as 11,00 horas do día 25 desde a Ponte Veiga e transcurrirá a andaina ata a Ponte do Eixán, rematando na Insua dos Poetas, onde se ofrecerá un espectáculo relacionado co Camiño dos Arrieiros e haberá unha degustación de produtos da zona.

Os camiñantes transladaranse 100 anos atrás nunha experiencia inolvidable na que tamén poderán participar vestidos de época e recrear o ambiente deste concurrido e comercial camiño entre O Ribeiro e Santiago de Compostela, no tramo do Carballiño. “As mercadorías circulaban por este camiño ata a apertura das estradas no século XIX, e con esta andaina o que pretendemos e promocionar esta ruta da Idade Media”, matiza Luis González Tosar, quen puntualiza que “é un camiño cultural que tamén percorreu o grupo Nós e trátase de rememorar o que sucedía nos anos 20, fai 100 anos”.

González Tosar lembra que este trazado está recollido na primeira cartografía de Domingo Fontán, de 1856. 

A andaina terá un lonxitude de cinco quilómetros, de tal forma que sexa accesible a todas as personas interesadas en participar. A iniciativa está ligada a asociación dos concellos creada para divulgar o camiño que percorreron membros da Xeración Nós.

Te puede interesar