O CARBALLIÑO

As asociacións carballiñesas piden maior orzamento

La Casa Consistorial del municipio de Carballiño.
photo_camera La Casa Consistorial del municipio de Carballiño.
Solicitan tamén acceder á web do concello para informar das actividades e locales para organizalas

As asociacións culturais carballiñesas mantiveron unha reunión co fin de abordar as carencias que teñen na actualidade e trasladarllas ao Concello do Carballiño en busca de solucións.

Desta maneira, as entidades da vila: Tiruleque Grupo de Teatro, Dartrela, Cineclube Carballiño, Tradicións e Buscas Feira Pepa Loba, Agrupación Fotográfica O Potiños, Anacos de Lecer e a Agrupación Cultural Avantar acordaron manter unha xuntanza, prevista para o día 9 do próximo mes de maio, co concelleiro de Cultura do Carballiño, Diego Fernández, coa fin de expoñerlle varias cuestións, entre elas, interesarse pola contía do orzamento dedicado á cultura neste ano e, en calquera caso, instarlle a que se proceda a un notable aumento deste orzamento. Estimando que a contía das subvencións competitivas é excesivamente baixo, polo que escasamente alcanza a cubrir os gastos das actividades que as entidades culturais afrontan durante o ano, piden se proceda a aumentar a contía destas subvencións. 

Por outra banda, solicitarán ao concelleiro que se habilite o necesario sistema para que as entidades culturais do Carballiño teñan a capacidade de acceder á páxina web do Concello, e posibilitar que envíen información das súas actividades, de tal xeito que se teña unha programación actualizada e que, estando tales novas ao alcance de todas as entidades, as mentadas actividades non se sobrepoñan e se poida amañar unha programación organizada. 

Por último, as asociacións tamén se refiren á situación de infra-utilización da chamada Casa Sindical, e solicitan que as entidades culturais dispoñan de locais nese edificio para organizar as súas iniciativas.

Diego Fernández espera que en próximos días as entidades teñan acceso ao calendario cultural da web, ao mesmo tempo que se refería ás negociacións que manten o Concello con Patrimonio Sindical para conseguir a Casa Sindical. En canto ás subvencións, apunta que será algo a estudar dentro dos orzamentos.

Te puede interesar