As asociacións carballiñesas reuniranse nun local municipal

A Concellería de Cultura e Educación do Carballiño habilitará o local que o Concello ten alugado na rúa Calvo Sotelo da vila para que poida servir como sede provisional para as asociacións culturais.
A concelleira desta área, Asunción Rivero, indicou que 'unha vez que deixamos a nave ubicada na rúa Evaristo Vaamonde, tivemos que buscar outras alternativas para os colectivos, coma é o caso das escolas de gaitas e danzas, que agora ensaian na Uceira e no auditorio'.

Os representantes das 15 asociacións existentes no municipio, integradas na Federación Sociocultural 'O Carrás', demandaran en decembro do ano pasado a inclusión de partidas económicas no Plan E para a ampliación do Auditorio municipal e da Casa da Cultura, 'a fin de que as instalacións foran dotadas de locais para reunirnos e poder desenvolver as nosas actividades', lembra Manuel González, presidente da federación.

Nembargantes, no plan de inversións estatal, que supón 1,5 millóns de euros, 'non tiña cabida unha reforma destes dous edificios polo seu alto custe, e tampouco estabamos dispostos a facer un remendo', sinalou Asunción Rivero. Deste xeito, a concelleira de Cultura decidiu que a mellor solución era que os colectivos utilizasen o local da rúa Calvo Sotelo.

Te puede interesar