A candidata do BNG substitúe a Manuel Amil, que deixa Obras e a xunta de goberno municipal

Áurea Francisco convértese no número dous do Concello

Manuel Amil, que conserva Urbanismo. (Foto: M.P.)
A adicación laboral que retomou o concelleiro nacionalista Manuel Amil Otero coma profesor de Educación Secundaria é o motivo que esgrimiu onte para abandona-lo seu posto de primeiro tenente de alcalde do Carballiño en favor da súa compañeira de Corporación, Áurea Francisco Lorenzo.
Esta edil do BNG, con responsabilidades na área municipal de Igualdade e Benestar, foi elexida recentemente pola asamblea local desta formación política para encabeza-la candidatura nas eleccións do vindeiro 22 de maio. Áurea Francisco tamén asumirá a portavocía dos catro concelleiros nacionalistas, que entraron no equipo de goberno do rexedor socialista Carlos Montes en novembro de 2009.

Asemade, Amil Otero deixa a xunta de goberno local e a delegación de Obras, postos que pasan a ser desempeñados polo actual edil de Medio Ambiente, Bernardo García Nóvoa, tamén do BNG, se ben conservará a dirección da Concellería de Urbanismo.

'A nosa incorporación ó goberno do Concello proporcionoulle estabilidade á xestión municipal, ademais de conquerir unha racionalización do gasto. A partires de agora seguiremos actuando coma un grupo compacto cara ó futuro', apuntou Manuel Amil.

Te puede interesar