A Banda Escola de Música abre o ano cultural cun concerto

A Praza Maior do Carballiño acollerá hoxe a primeira edición do 'Concerto de Aninovo', unha iniciativa da Concellería de Cultura que terá como protagonistas os rapaces da Banda Escola de Música da vila. Baixo a dirección de Juan Soto, a agrupación instrumental interpretara no citado espazo público varias pezas tradicionais a partir das 13.30 horas, se ben está previsto o traslado ó Auditorio municipal no caso de choiva.
O programa cultural de 2011 terá continuidade o luns e o martes vindeiros con talleres infantís para nenos e nenas de catro a 12 anos, e de 16.00 a 18.00 horas, no local estable do ciclo de Familias Madrugadoras, na rúa Calvo Sotelo. Para o mércores día 5, o departamento que dirixe Asunción Rivero ten na súa axenda a visita dos Reis Magos, que chegarán á estación do ferrocarril ás 18.00 horas, acompañados das súas respectivas comitivas.

A continuación, as súas maxestades de Oriente percorrerán as rúas máis céntricas do casco urbán ata chegar á Casa do Concello, onde tra-la lectura do pregón escoitarán as peticións de agasallos dos rapaces. A programación rematará o xoves día 6, co 'Concerto de Reis' que se desenvolverá ás 18.00 horas no templo parroquial de A Veracruz. Será o turno das voces do Orfeón do Carballiño, que ofrecerán un recital de panxoliñas.

Te puede interesar