O CARBALLIÑO

Beariz fai outro cemiterio ante a saturación dos parroquiais

cementerio1_result
photo_camera O acceso ó sitio onde se ubicará o primeiro cemiterio municipal xa está acondicionado.

Disporá de 664 prazas de enterramento para atender a alta demanda dos veciños e emigrantes

Os veciños de Beariz contarán en pouco máis dun ano co primeiro cemiterio municipal, despois dun longo proceso de tramitación, que se iniciou fai tres. O Concello persigue dar resposta a gran demanda dos residentes e tamén dos emigrantes. O número total de unidades de enterramento será de 664. Nestes momentos, o proxecto xa conta cos informes favorables de Patrimonio e a Confederación Hidrográfica, ó mesmo tempo que xa se resolveron as alegacións presentadas polos donos das fincas afectadas. Nestes días, o Concello recibía o informe pendente da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, previo á aprobación definitiva do “Plan Especial para a creación dun cemiterio municipal”. O proxecto foi concibido para ser alternativa aos cemiterios parroquiais existentes no Concello e para dar cumprimento á lexislación vixente que sinala a obrigatoriedade de dotar a cada concello dun cemiterio municipal.

O terreo obxecto do presente Plan Especial abarca unha superficie de 6.038 metros cadrados e está situado no barrio do Iglesario, a menos de 1.000 metros do núcleo de Beariz. A superficie neta da parcela destinada a cemiterio será de 3.474 metros cadrados, que constituirá a área interior do mesmo, correspondendo o resto a espazos libres, aparcadoiros e rede viaria.

O cemiterio disporá dun paseo interior de 6 metros de ancho que irá salvando o desnivel do terreo dando acceso rodado para un coche fúnebre á totalidade das sepulturas proxectadas. Ordénanse tamén zonas verdes axardinadas, nos espazos entre este paso interior e as sepulturas. Para acurtar os percorridos peonís, construiranse dúas escaleiras nos laterais.

Está proxectada unha zona interior duns 81 metros cadrados que acollerá edificacións como aseos adaptados, almacén con un sistema adecuado para a eliminación de roupa e demais residuos procedentes da limpeza das sepulturas, e un depósito de cadáveres.

O alcalde, Manuel Prado, proxecta efectuar a expropiación das fincas afectadas en próximos días, contando cun gasto para este fin duns 14.000 euros, para máis ou menos en tres meses proceder a adxudicación a un empresa mediante concurso público que se encargue da urbanización e posterior venda das sepulturas.

Te puede interesar