O Concello carballiñés crea unha web “rápida e atractiva”

photo_camera O Carballiño renova a súa páxina web para dar resposta ás necesidades do Concello e ás demandas da cidadanía. A nova páxina estará operativa nos próximos días e mellorará o acceso á mesma dende dispositivos como os teléfonos móbiles ou as tabletas.

O Concello do Carballiño contará nos próximos días cunha nova páxina web. Xa está elaborada e os contidos migraranse nos próximos días ao dominio carballino.gal para que estea xa a disposición de todos os cidadáns a partires da próxima semana.

O proxecto de creación foi realizado pola empresa VisualQ e no acto de presentación participaron o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; o concelleiro de Cultura, Diego Fernández; o informático do Concello, Christian López, e Luis Baños, de VisualQ.

Francisco Fumega sinalou que o obxectivo foi actualizar unha páxina web que se quedara obsoleta e que co novo formato resultará moito máis áxil, ofrecerá máis información e servizos para os cidadáns e contribuirá á promoción da vila e das actividades que se desenvolven.

Luis Baños sinalou ademais de ser máis rápida facilitará tamén a realización de trámites e xestións co Concello. Así mesmo, destacou o feito de que ten acceso directo á páxina de turismo presentada hai unhas semanas, que conta con moitos contidos e cunha ampla oferta e información sobre os recursos do municipio. A nova web tamén servirá, segundo Luis Baños, para que os veciños coñezan moito mellor o seu propio Concello, ao dar acceso a información ou recursos que son menos coñecidos, e aos visitantes ou ás persoas de fóra.

Te puede interesar