Curso destinado aos empresarios para que poidan promocionarse por internet

Será impartido o día 17 de novembro, no salón de actos do concello, por unha xornalista especializada en comunicación 2.0

O Concello do Carballiño organiza un curso dirixido a empresarios e emprendedores co obxectivo de que poidan aprender a empregar as redes sociais e as ferramentas online para mostrar a súa visibilidade na rede. O curso, que será impartido pola docente Alba Adá Lameiras, periodista especializada en comunicación 2.0, xestión de redes sociais e marketing online, terá lugar o próximo 17 de novembro, ás 20,30 horas, no salón de actos do concello do Carballiño.

Esta iniciativa parte da Concellería de Promoción Económica que dirixe Adolfo Nogueira, e baséase na necesidade que teñen as empresas e establecementos comerciais de estar ben posicionados en internet e ter unha boa imaxe online para darlle visibilidade aos seus negocios.

E de aí, que neste curso se priorice a creación dunha marca empresarial cunha estratexia de comunicación 2.0 forte, a elección daquelas redes sociais que poidan ser máis adecuadas e como se deben usar, así como o coñecemento do que se dí de cada marca nas redes sociais.

O curso é totalmente gratuito, e conta coa colaboración do Centro Comercial Aberto do Carballiño e de Goal Comunicación. Tanto as autoridades municipais coma a dirección do Centro Comercial Aberto consideran que este curso será unha boa ferramenta para que empresarios e comerciantes se poñan ó día nas últimas novidades para a creación e difusión dunha marca comercial a través das redes.

Os responsables da Concellería de Promoción Económica convidan, así pois, a tódolos empresarios a asistir a este curso que lles será de gran axuda para promocionar os seus produtos, e tendo en conta que é de entrada libre e gratuito para os asistentes.

Te puede interesar