Voz de ‘Singultus’

Javier González 'Pinche': ‘A música é expresión e debe ser gratis’

Borja González, o máis novo. (Foto: Martiño Pinal)
Dous rockeros de hai 15 anos retomaron a súa actitividade no Carballiño coa creación do grupo ‘Singultus’.
Un novo grupo de música rock naceu no Carballiño da man de Javier González, ‘Pinche’, e Roberto Davite, ambos de 35 anos, ós que se uniu Borja González, un rapaz de 14 anos. Trátase de ‘Singultus’, unha aposta polo ‘heavy metal’ que recupera a traxectoria de ‘Krematorio’, no que os dous primeiros tocaban hai 15 anos.

Que tipo de música facedes?

Gústanos o rock duro e compoñemos nós mesmos a música e a letra coa nosa inspiración e sen ter influencias definidas doutros conxuntos, aínda que personalmente son un seguidor de ‘Metallica’, mentres Roberto é fan de ‘Blind Guardian’ e Borja de ‘Sepultura’.

Xa tivestes algunha actuación en público?

Levamos un ano ensaiando e tan só participamos no festival ‘Nadal Rock’ organizado no pasado mes de decembro pola Concellería de Cultura, xunto outros grupos locais. Pero hoxe é a nosa proba de lume no concerto que imos ofrecer no pub Jazzmin da vila a partires da medianoite. Compartiremos escenario con ‘Renegados’, da cidade, e un músico invitado, o carballiñés Antonio Tojo.

Como vedes o panorama musical no Carballiño?

A verdade que está moi ben na actualidade, porque hai 15 anos só tocábamos catro grupos e agora xa hai unha ducia. A xuventude está moi implicada, tendo en conta que hai moitas máis facilidades para mercar un instrumento que antes, que tardabas tres anos en conquerilo.

Pensades en dar o salto e ter páxina en internet?

O noso representante está a deseñar un oco en MySpace e posiblemente xa aparecerá a nosa referencia no vindeiro mes de marzo.

Que opinades das descargas de música na rede?

Vémolo ben, sobre todo polos prezos que se están a cobrar polos discos á xente afecionada. Consideramos que ós músicos que protestan polas descargas non lles gusta actuar en directo, pero a música é para escoitar en directo e non enlatada ou utilizando o ‘play back’.

E da Sociedad General de Autores?

Polo que temos escoitado, estanse a pasar moito cobrando ata por festivais nos colexios, parece que só queren cartos, e así van acabar coa música. A música é unha forma de expresión que ten que ser gratuita.


Te puede interesar