A páxina web do Concello abriu un apartado específico onde calquera persoa pode consultar as casas, pisos e fincas privadas que os propietarios do municipio poñen á venda ou alugan

Maside crea un banco virtual para promocionar a vivenda

Casco urbán da localidadde de Maside, co Concello ó fondo. (Foto: MARTIÑO PINAL)
O importante patrimonio de vivenda que ten o concello de Maside, en moitos casos abandonado e que suscita unha grande interese entre posibles compradores doutras rexións de Galicia, España e incluso do estranxeiro, motivou ó Concello á creación dunha 'inmobiliaria virtual', poñendo á disposición dos internautas unha lista de propiedades privadas á venda ou en aluguer. Deste xeito, na páxina web do Concello pódese atopar o apartado www.concellodemaside.es/inmobles.php .
O alcalde do municipio, Celso Fernández, sinala que, 'asemade, imos levar a cabo unha pequena campaña de promoción e comunicación, na cal se teñen planificadas, entre outras actuacións, publicidade en distintos medios de comunicación'. O obxectivo desta iniciativa 'é revitalizar o territorio de Maside, evitando o despoboamento e dinamizando a economía local, coa pretensión de fomentar a recuperación de inmobles e ofertalos a todos aqueles que prefiren o rural como forma de vida ou que non poden comprar propiedades na cidade debido o seu maior custe', comenta o rexedor.


SITUACIÓN

O Concello de Maside ten varios puntos ó seu favor como lugar de residencia, xa que ofrece tranquilidade pero ó mesmo tempo posúe unha suficiente vida social e comercial. 'A todo isto súmase a súa gran riqueza natural, coma é o caso da paraxe do Puzo do Lago, que está declarado como ENIL (Espacio Natural de Interés Local) pola Xunta, e a súa estratéxica situación (a 12 minutos de Ourense e a tres minutos do Carballiño) para os automóbiles que aproveiten o enlace da autovía AG-53', indica Ana Otero, responsable do departamento de Promoción Turística.

Por outra banda, Maside oferta un número importante de infraestructuras educativas, culturais, deportivas e de saúde, entre outras, que fan da localidade un lugar ideal para investir en calidade de vida. Con este servizo gratuito, o Concello de Maside facilita axuda a todos aqueles veciños interesados en vender ou alugar os seus inmobles.

Ana Otero engade que, 'ó mesmo tempo, a páxina web facilita información a tódalas persoas interesadas en adquirir vivendas e fincas, ademais de proporcionarlles o acceso ás comunicacións das distintas convocatorias de axudas públicas no ámbito estatal, autonómico e provincial.


PREZOS

Dende a posta en marcha deste servizo, 'son moitas as persoas que entran en internet, sobre todo para ollar o mercado de fincas, que precisamente é o que menos ofertas contempla'. Nembargantes, tamén existe unha demanda apreciable 'para o aluguer de pisos, sobre todo de persoas que están a traballar na vila do Arenteiro, xa que os prezos son máis asequibles e a distancia a Maside non supera os cinco quilómetros pola estrada N-541 e os dous polo enlace entre ésta e a AG-53'.

Te puede interesar