A ‘Mostra de teatro amador’ oferta unha escolma das mellores comedias galegas

Antonio Rey, Dacal, María Xosé Banga e Xosé Prada.  (Foto: Miguel Ángel)
O grupo ‘Tiruleque’ será o anfitrión da terceira edición da ‘Mostra de teatro amador Terras do Orcellón’, que se desenvolverá dende o vindeiro domingo ata o 22 de novembro no Auditorio do Carballiño, e no que participarán outras catro compañías afecionadas do panorama galego.
O Auditorio municipal do Carballiño acollerá dende o vindeiro 11 de outubro a terceira edición da ‘Mostra de teatro amador Terras do Orcellón’, promovida polo grupo local ‘Tiruleque’ co patrocinio do Concello e da Consellería de Cultura e Turismo.

O alcalde en funcións, Manuel Dacal, destacou ‘o traballo que fai Tiruleque na súa aposta por espectáculos que teñen un públi co fidel na nosa vila’. O responsable da organización, Xosé Prada, sinalou que ‘nós elaboramos unhas bases para que as compañías afecionadas galegas presenten as súas montaxes, e un xurado encárgase de facer unha escolma para elexir ás participantes’.

Nesta ocasión, foi escollido o grupo ‘Carrachanacacha’, de Narón, para actuar o vindeiro domingo, ás 19.00 horas, coa obra ‘Comendo pementos de Padrón con Tarantino’. O 25 de outubro, á mesma hora, será o turno de Teatro de Cámara Ditea coa famosa comedia de Alfonso Paso ‘Aquí cheira a morto’.

O grupo de teatro ‘Lameiro’, tamén de Vigo, representará ‘A vinganza da Petra’, de Carlos Arniches, o 8 de novembro, mentres ‘Teatro Avento’ escenificará unha semana despois ‘A insólita historia de Jimmy Pelostristres’, dirixida por Xoan Abreu. A xornada de clausura está prevista para o 22 de novembro a cargo de ‘Tiruleque’ e a súa nova montaxe, ‘Club PK2’, orixinal de Xosé Prada e que está dirixida por Santiago Fernández.

Un orzamento total de 10.000 euros

As funcións serán sempre ás sete da tarde no Auditorio e cun prezo de tres euros por entrada, se ben a organización pon a disposición dos espectadores un bono de 10 euros para os cinco espectáculos. Xosé Prada sinalou que ‘a Xunta comprometeuse a concedernos unha subvención de 3.500 euros, dentro dun orzamento global de 10.000 euros para todo o festival’.



Te puede interesar