O plan antidroga espera aínda axuda económica

Dependencias do departamento de Servizos Sociais, ubicadas na rúa Faustino Santalices. (Foto: MARTIÑO PINAL)
'Malestar e preocupación'. Ise é o sentimento do Concello do Carballiño encol da falla de subvención por parte da Xunta para o programa municipal de promoción da saúde, e así o expresou a concelleira de Servizos Sociais, Asunción Rivero. A edil socialista sinalou que 'outros anos, en abril xa tiñamos coñecemento da Consellería de Sanidade da renovación do convenio para o plan de prevención de drogodependencias, pero aínda non nos comunicaron nada, e o anterior xa remata no vindeiro mes de xuño'.

Asunción Rivero lembrou que 'no convenio de 2009, o departamento autonómico concedeu unha subvención de 25.500 euros, mentres o Concello aportou 6.000 euros, unha cantidade que, a pesares da crise económica, mantemos nos orzamentos deste ano'. O programa contempla actividades no ámbito persoal, comunitario e escolar, destacando a sección 'Esfúmate!', pensada para deixar de fumar e pola que pasaron máis de 300 persoas.

DESCENSO

A concelleira citou tamén a Escola de Nais e Pais, orientada a mellorar a relación cos fillos e a súa problemática, e o plan desenvolto nas autoescolas para evitar o consumo de alcohol na conducción baixo o lema 'Cambia de sentido'. Segundo o balance realizado pola Concellería de Servizos Sociais, 'dende hai sete anos notouse no Carballiño un retraso na idade de consumo de drogas e un descenso importante en cocaína e cannabis entre a xente xoven, gracias a laboura do técnico responsable da área de Prevención', apuntou Asunción Rivero.

Por parte da Xunta, fontes da Consellería de Sanidade recoñecen 'certo retraso na convocatoria de axudas para a prevención de drogodependencias e outro tipo de programas similares que levan a cabo institucións privadas e os propios concellos'. As mesmas fontes atribúen esta demora 'ós axustes orzamentarios obrigados pola crise económica', se ben anticipan a inminente renovación deste tipo de convenios, 'sempre que estén avaliados por proxectos que sexan viables e pola pertinente xustificación dos gastos das actividades realizadas no exercicio económico anterior'.

Te puede interesar