O PSOE reclama un obradoiro de emprego para Punxín

Punxín
photo_camera Punxín
As concelleiras critican ao goberno do PPe CxG por votar en contra da súa proposta no último pleno

O PSdeG-PSOE de Punxín critica o “desleixo amosado polo PP e CxG na última sesión plenaria”, na que votaron en contra da creación e posta en marcha dun obradoiro de emprego no municipio. Os socialistas consideran que no bipartito “está instaurado o non polo non” e afirman que os intereses da veciñanza de Punxín “non lles importan en absoluto”.

As concelleiras deste grupo da oposición poñen de manifesto que ante esta negativa queda claro que o goberno local “non ten ningún interese por potenciar a xeración de emprego, nin por aproveitar estes recursos para mellorar e pór en valor o patrimonio municipal”.

A portavoz do PSdeG-PSOE, Lorena Peleteiro Vázquez, salienta que “estamos ante unha mostra máis do obstrucionismo e a desidia dun goberno que pretende que Punxín siga instaurado no máis absoluto abandono”.

A edil socialista aproveitou a sesión plenaria para afearlles ao PP e a CxG o seu “engano” á veciñanza, xa que tal e como salienta, “ambas formacións levaban nos seus programas electorais a creación de obradoiros de emprego”.

Dende o PSdeG-PSOE subliñan que a iniciativa presentada a pleno pretendía servir de impulso para un concello no que a falta de emprego “é unha triste realidade” e consideran que a negativa de PP e CxG “non fai máis que afondar na discriminación” cara unha veciñanza que demanda posibilidades de inserción laboral.

Te puede interesar