O roteiro das igrexas do Carballiño reuniu a 60 participantes

O Chamoso Lamas organizou a actividade para dar a coñecer o patrimonio relixioso da vila do Carballiño

O roteiro urbano “Historia, arte e arquitectura relixiosa no Carballiño” reuniu onte a 60 persoas que participaron nesta actividade organizada polo Centro de Estudios Chamoso Lamas en colaboración coa Cofradía da Vera Cruz e o Concello. Foi unha iniciativa para a posta en valor do patrimonio cultural da vila, un dos principais obxectivos da entidade organizadora, para a que se contou como guías cos historiadores e investigadores do colectivo carballiñés, Juan Manuel Rodríguez, Xosé Luis Sobrado e Alicia Graña que explicaron a historia, arte e arquitectura das construcións relixiosas do casco urbano.

O roteiro partiu da Praza Maior para continuar na  Igrexa Parroquial de San Cibrao, pola Capela do Sagrado Corazón, Capela da Residencia Irmáns Prieto e rematando no Templo da Veracruz.

Xosé Luis Sobrado apuntaba que trátase de construcións do século XX  que se abordaron “desde o punto de vista histórico e artístico, e como foi o longo proceso das construcións”, ademais de falar dos arquitectos que participaron e do “que significaron socialmente para a vila do Carballiño”, apunta.

Trátase do segundo roteiro que organiza o centro de estudos no que vai de ano, e que continuará nos vindeiros meses con outros percorridos de interese histórico e cultural.
O pasado ano o Centro de Estudios Chamoso Lamas organizou tres roteiros, dous urbanos pola vila do Carballiño e outro nocturno aos petroglifos de Cangues, que contaron cunha gran asistencia de público, xa que superaron o centenar de persoas cada un.
Son actividades que forman parte do programa anual desenvolvido por este colectivo cultural e investigador.

Te puede interesar