Crónica

Seguindo os pasos de Nós

Camiñantes, gardas civís, xinetes a cabalo, gaiteiros, pandereteiras e ata un carro de bois participaron na andaina cultural Camiño de Nós seguindo o percorrido polo tramo do Carballiño dos arrieiros e tamén do grupo da Xeración Nós no ano 1926.

Os camiñantes fixeron onte camiño, recuperando aquel que percorreran membros da Xeración Nós no Ano Santo de 1926. A iniciativa foi da Fundación Insua dos Poetas e da Asociación de Concellos do Camiño de Nós, que aglutina aos 10 municipios que percorreran Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino L. Cuevillas, Xavier Pardo, Afonso V. Monxardín, Lois Feixóo e Antón Sánchez para peregrinar dende Ourense a Compostela, seguindo os pasos dos arrieiros.

A andaina cultural “Camiño de Nós – Insua dos Poetas” é un roteiro para poñer en valor a cultura tradicional dos camiños, e está pensada polos organizadores para ter continuidade en anos sucesivos, non só neste primeiro trazado correspondente ao Carballiño, senón poñendo en valor tamén outros como o que transcurre desde a Ponte do Eixán polas terras do Irixo, que será a seguinte etapa a desenvolver, segundo confirmaba o presidente da fundación, Luis González Tosar.

O encontro foi na ponte medieval de Veiga. Alí xuntáronse os camiñantes, gardas civís, gaiteiros, pandereteiras, un bo número de xinetes a cabalo, tamén un burro e dous magníficos e dóciles bois tirando do carro cargado de cubas de viño, ademais doutros personaxes vestidos de época para recrear o ambiente dos camiños do século XIX, que se caracterizaban por unha intensa actividade comercial.

Así, como quen da un paseo, os camiñantes avanzaron pola beira da estrada do Irixo e seguindo o sendeiro alcanzaron Barro, despois Pazo, Madarnás e Esgueva, recibindo o saúdo dos veciños sorprendidos pola música dos gaiteiros e pandereteiras, e admirados polos fermosos animais.

Luis González Tosar explicaba aos asistentes que o obxectivo desta andaina e render “unha homenaxe aos camiños, aos nosos camiños que veñen da prehistoria onde xa se facían camiños, despois a romanización foi unha revolución en tódolos sentidos porque Roma foi a que consolidou eses camiños, que despois se utilizaron na Idade Media e que perviviron ata moi avanzado o século XIX”. Deste xeito, dixo que “estamos recuperando a cultura, a historia”. 

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, destacou a constitución da Asociación de Concellos do Camiño de Nós, baixo a presidencia do alcalde do Irixo, Manuel Cerdeira, quen lembraba que “este camiño aportou moita riqueza” e desexou que “siga xerando riqueza e cultura”. Tamén se sumou á andaina o vicepresidente da Deputación, César Fernández, tendo en conta que a institución colabora xunto coa Xunta de Galicia nesta iniciativa. Referiuse a que este tipo de actividades “consolídanos como pobo”, sinalando que ten “unha compoñente lúdica e saudable e tamén esa compoñente cultural e de coñecemento do país”.

O delegado territorial en Ourense, Gabriel Alén, felicitou a todos os alcaldes da Asociación Camiño de Nós, tamén á Fundación Insua dos Poetas, e referiuse a aposta do Goberno polo turismo, que “sería imposible sen a iniciativa local como a do día de hoxe”. 

Tamén participou o concelleiro de Cultura do Carballiño, Diego Fernández, e xa na Insua dos Poetas clausuraba esta primeira etapa a alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, responsable de Cultura na Deputación e presidenta da Fundación Antón Losada Diéguez, de quen lembrou era membro do grupo Nós, e que segundo apuntou non fixo o camiño porque “xa estaba moi enfermo”. González Tosar invitouna a pechar a andaina, anunciando que tamén se recuperará unha ruta ata A Almuzara. Un espectáculo de danza e unha degustación de produtos do Irixo completaba a mañá.

Te puede interesar