INFRAESTRUTURAS

O balneario de Laias terá un novo acceso en outubro

Os veciños cederon terreos para poder ensanchar e acondicionar o vial

A cesión gratuita por parte dos veciños de Cenlle do solo necesario permite ensanchar o principal acceso ó balneario de Laias, para garantir unha circulación máis fluida e segura tanto para os clientes do establecemento termal como para os veciños, non só en vehículo senón tamén camiñando, xa que o vial dotarase de beirarrúas que ata agora non tiña. O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, o xefe Territorial de Medio Ambiente, Cesar Losada, e o alcalde de Cenlle, Gabriel Alén, supervisaron onte os avances nas obras, confirmando que estarán rematadas en outubro, no prazo de un mes.

A estrada de acceso ó balneario enlaza coa N-120 e mentras duran os traballos, veciños e visitantes están utilizando un desvío provisional polo campo de fútbol.

A Administración autonómica comprometeuse a executar as obras e cofinancialas, aportando ata 150.000 euros (o que supón o 80 % do orzamento polo que se licitaron as obras), e o Concello de Cenlle achega 37.800 euros (o 20% restante). O alcalde destacou a colaboración da Deputación e tamén das empresas Telefónica e Gas Natural-Fenosa, que se encargan de soterrar os cables de telefonía e de retranquear os postes eléctricos.

O proxecto contempla unha calzada de 4 metros na que se permitirán os dous sentidos de circulación e a execución de sendas peonís de formigón e ancho variable. A actuación ten como obxectivos mellorar o estado de conservación da estrada e acometer unha reordenación da sección transversal que permita habilitar espazos diferenciados para a circulación rodada e peonil, mellorando en consecuencia a seguridade viaria do conxunto dos usuarios.

A actuación complétase coa rehabilitación do firme, a mellora dos sistemas de drenaxe para as augas pluviais, a colocación de canalizacións eléctricas e a reposición da sinalización.

Te puede interesar