Os bodegueiros de Ourense reciben axuda do Igape para a compra de uva

Alberto Vivero e José Luis Cabarcos, na sede do Consello Regulador Ribeiro
photo_camera Alberto Vivero e José Luis Cabarcos, na sede do Consello Regulador Ribeiro

O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, acompañado polo director financeiro do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Alberto Vivero, mantivo un encontro con bodegueiros das denominacións Ribeiro e Monterrei para presentarlles o préstamo que ofrece o Igape para a adquisición de uva nas denominacións de orixe e indicacións xeográficas de Galicia pola vendima deste 2023. 

Con estas achegas preténdese paliar o encarecemento dos custos de financiamento da adquisición da colleita polas adegas, pero tamén buscan facilitar o seu acceso ao crédito fomentando a participación en sociedades de garantía recíproca que avalen o 100% das operacións e, por último, permitir o cumprimento dos prazos de pago previstos na normativa.

O prazo de solicitude destas axudas do Igape está aberto dende o 25 de outubro, sendo subvencionables os préstamos formalizados con esta finalidade dende o pasado 1 de setembro, e finalizará o 15 de decembro. Posteriormente, os beneficiarios terán ata o 31 dese mesmo mes para formalizar as operacións de préstamo. Antes do 30 de xuño de 2024, e unha vez feitos os pagos da colleita, as adegas deberán solicitar o cobramento da axuda ao Igape.

As adegas que soliciten a axuda deberán incluír todas as operacións de préstamo concedidas para esta finalidade e nas condicións das bases.

Te puede interesar