O RIBEIRO

Castrelo xestionará este ano uns orzamentos 
de 1,7 millóns de euros

O capítulo de investimentos medra un 22% e chega ata os 384.000 euros

O pleno de Castrelo de Miño aprobou onte os orzamentos para o 2015, que segundo valora o grupo de goberno do BNG, "apostan polos investimentos intelixentes e os servizos sociais para reactivar a economía local e xenerar emprego", ademais de manter o apoio ás actividades deportivas e culturais, organizadas polos veciños e asociacións. O orzamento increméntase de 1.597.249 euros en 2014 a 1.712.221 para o presente exercicio.

As autoridades locais tamén destacan que se "conteñen os gastos correntes e de persoal, e conxélanse as indemnizacións aos membros da Corporación", ademais apuntaron que as grandes empresas pagarán os tipos máximos que permite a lei, e os veciños os tipos mínimos, grazas aos resultados da liquidación do ano 2014, que se pechou cun aforro neto de máis de 80.000 euros e cunha mellora de 100.000 euros no remanente de tesouraria. O alcalde, Xurxo Rodríguez Méndez, afirma que ese aforro é o resultado da xestión de convenios e subvencións das distintas administracións para os investimentos.

O capítulo de persoal acada os 539.869 euros (o 31,5% do orzamento total). Os gastos en bens correntes e servizos quedan en 594.669 euros (34,7%) e os investimentos reais suben ata o 22,5% do orzamento, cun total de 384.940, mentras que os gastos financieiros supoñen neste ano o 0,7 % do presupostado.

A proposta foi aprobada pola maioría absoluta dos 5 concelleiros do BNG e co voto e contra do PP, ó non asistir o concelleiro independente nin o do PSdeG.

Te puede interesar