O Concello de Ribadavia estrea unha nova imaxe institucional actualizada e susceptible de usos múltiples en formatos diversos. As autoridades municipais encargaron a un equipo multidisciplinar da Universidade de Santiago de Compostela un completo manual de imaxe institucional. Tomando como referencia o escudo heráldico de Ribadavia, este equipo elaborou as diferentes propostas.
A proposta da USC, reflectida nun documento de 116 páxinas, pormenoriza os diferentes elementos adaptados ao escudo orixinal, simplificando usos e coa correspondente proposta tipográfica. Entre os diferentes usos propostos para a implementación da imaxe institucional, contémplase para os totems de entrada e saída ao municipio; placas identificativas de cada área de goberno e servizos municipais (tanto dos que son interiores como os que están no exterior); formatos para a web e redes sociais; novos deseños de toda a papelería do Concello; tarxetas profesionais e normas de convivencia con outras marcas asociadas ao Concello de Ribadavia.
Ademais, segundo sinala o alcalde, César Fernández, o novo manual de imaxe institucional contempla a creación da nova marca “Ribadavia Turismo”, unha marca con imaxe propia que ten como finalidade a promoción dos distintos ámbitos do turismo de Ribadavia, tanto os derivados do lecer coma os relacionados coa cultura e o patrimonio.