O RIBEIRO

Cortegada acolle a feira artesana e do porco celta

Os visitantes poderán disfrutar dun amplo programa de actividades

A localidade de  Cortegada ultima os detalles para acoller nesta fin de semana a novena edición da "Feira de Artesanía e Porco Celta", cun variado e completo programa de actividades gastronómicas, culturais e de animación que se desenvolverán na noite de hoxe e ó longo de todo o domingo.

Deste xeito, ás 22,30 horas deste sábado está previsto un espectáculo de lume a cargo da compañía Cano Canyon, na praza do Concello. A xornada dominical, o día grande desta celebración, comezará as 11,00 horas coa apertura do mercado medieval, onde un total de 20 postos ofrecerán artigos de artesanía , e que coincidirá coa posta en marcha do campamento infantil. 

As rúas de Cortegada contarán coa animación musical do grupo Himnodium, que tamén dará un concerto ás 13,00 horas, despois da exhibición de danza medieval infantil. Mentres, a compañía Circocido será a encargada dos espectáculos "Dosequilibrados" e "Perruseta e Ojaldrino", que os asistentes á feira poderán observar ás 12,30 horas e ás 13,30 horas, respectivamente. 

Pero o acto principal desta cita será puramente gastronómico, co xantar tradicional a base de porco celta preparado ó espeto, paella e postres, acompañados con viño do Ribeiro. Esta cita desenvolverase dende as 14,00 horas no recinto feiral. Para as 17,30 horas está prevista unha das actividades máis esperadas polos cativos, que é a festa da auga, que se complementa co campionato galego de moto acuática, no que participarán máis de 100 nenas e nenos de toda a comunidade. 

Ás 18,30 horas e ás 20,30 horas chegará a quenda da compañía Circados, co seu espectáculo "A mi guardia", mentres o grupo Himnodium animará as rúas co seu son itinerante. Para rematar esta edición, a novena, da Feira de Artesanía e do Porco Celta no municipio de Cortegada, os artistas da compañía Asacocirco  protagonizarán un gran espectáculo de lume e malabares dende as 22,00 horas. 

A organización deste evento corresponde ó propio Concello de Cortegada coa colaboración da Deputación provincial. Mostranse esperanzados en canto a afluencia dun evento "consolidado".

Te puede interesar