O RIBEIRO

A estrada de Ribadavia a Leiro terá novo firme

A Deputación provincial fixou un prazo máximo de catro meses para o desenvolvemento dos traballos

O mal estado do firme da estrada OU-504, tamén coñecida como Eixo do Ribeiro, e que comunica os municipios de Ribadavia e Leiro motivou á Deputación provincial a elaboración dun proxecto básico para o seu acondicionamento, que finalmente foi redactado e valorado en 90.000 euros. A institución provincial tamén foi a encargada de adxudicar a execución das obras, por un montante de 74.380 euros, consistentes na dotación dun novo riego asfáltico, o pintado da sinalización horizontal e a instalación de sinais para a regulación do tráfico.

Os tramos que serán obxecto de arranxo teñen un total de dous quilómetros de lonxitude e están comprendidos entre as estradas OU-0306, á altura da localidade ribadaviense de San Cristovo, e OU-0209, na capitalidade municipal de Leiro. A Deputación provincial fixou un prazo máximo de catro meses para o desenvolvemento dos traballos, a fin de mellorar a capa de rodadura desta vía, que enlaza Ribadavia coa provincia de Lugo ó traverso dos municipios de Carballiño e San Cristovo de Cea.

Te puede interesar