O RIBEIRO

Leiro reformou o firme dun treito da rúa Prado

LEIRO
photo_camera O alcalde, Francisco José Fernández, acompañou a Marisol Díaz Mouteira.

O proxecto incluíu obras nas redes de servizos básicos nas beirarrúas

A rúa Prado, en Leiro, conta  cunha nova pavimentación e, nun dos seus treitos, reformouse a beirarrúa existente dotándoa de máis anchura. Tamén se revisaron as redes de saneamento fecais e pluviais e se realizou unha preinstalación soterrada a base de arquetas de rexistro e tubaxes para servizo de futuras infraestruturas. 

As obras supuxeron un investimento de 112.935 euros, financiadas na súa totalidade pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e executáronse ao abeiro da orde de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á creación ou mellora de infraestruturas e equipamentos nos concellos de Galicia. Segundo as bases da convocatoria aprobouse para Leiro, por ser un concello de menos de 5.000 habitantes, polo que a achega autonómica que lle correspondeu foi do 100 por cento do proxecto. 

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou o concello acompañada do alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, co obxectivo de comprobar as obras de acondicionamento e humanización realizadas na rúa Prado.

A delegada destacou que con esta intervención perseguiuse mellorar as condicións urbanas e as comunicacións veciñais poñendo en valor esta rúa da capitalidade de Leiro, que tiña un pavimento bastante deteriorado, con multitude de parches e fochancas.

Te puede interesar