Cafetería, aseos e sala de exposicións rematarán este ano con 340.000 euros de investimento

O Mosteiro de Melón terá un espazo de lecer para turistas

Obras de edificación para servizos turísticos, no acceso principal ó Mosteiro de Melón.
Os visitantes que se acheguen ata o Mosteiro de Melón disporán este mesmo ano duns servizos de descanso e lecer na mesma entrada do cenobio, unha vez rematen as obras que financia a Consellería de Industria e Comercio coa cantidade de 340.000 euros. O alcalde do municipio, Alberto Pardellas, sinala que 'este investimento foi consignado pola Xunta para 2009 e 2010, e o seu obxectivo é o acondicionamento dun terreo de 1.000 metros cadrados de superficie no acceso principal do mosteiro'.
Na actualidade, xa se colocaron as redes de abastecemento e saneamento, todas elas soterradas, 'e xa están avanzados os traballos de construcción dunha cafetería con aseos, unha sala de exposicións e uns locais anexos, que permitirán a creación dunha infraestructura atractiva para os turistas que se acheguen ó noso monumento máis emblemático', engadiu o rexedor de Melón.


CLAUSTRO

O Concello enmarca estas obras coma complemento da execución do proxecto de rehabilitación do propio mosteiro, que se levan a cabo coa colaboración do Ministerio de Fomento e a Consellería de Cultura ó traverso do 1% que destina o Estado a zonas afectadas polo paso de autovías (a A-52 neste caso), cun investimento de 1,6 millóns de euros. Así, unha das paredes do claustro principal do exterior deste cenobio do século XII xa foi levantada, despois de que fora derrubada hai cinco anos.

Alberto Pardellas apunta que 'os técnicos da Xunta xa están a traballar nunha segunda fase de restauración, que suporá un orzamento de tres millóns de euros e que xa conta co apoio do conselleiro de Cultura, Roberto Varela, e da directora xeral de Turismo, Carmen Pardo'.

Na mesma liña, o alcalde de Melón mantivo unha entrevista co subdelegado do Goberno en Ourense, Camilo Ocampo, 'que se amosou moi receptivo a transmitir ó Ministerio de Infraestructuras as nosas inquedanzas'.

Te puede interesar