Ribadavia solicitará á Xunta de Galicia un centro de día

Casa do Concello de Ribadavia.
photo_camera Casa do Concello de Ribadavia.
Unha proposta do grupo municipal do BNG que plantexa a demanda foi aprobada na última sesión plenaria

O Concello de Ribadavia demandará da Consellería de Política Social a dotación dun centro de día público para este municipo, poñendo a disposición da Administración autonómica os inmobles non utilizados e aptos para ser acondicionados para este fin, tras ser aprobada no último pleno unha prosposta defendida polo grupo municipal do BNG.

Os nacionalistas sinalan que “na sociedade galega, a proporción de persoas dependentes é cada vez maior e diversos indicadores sinalan un déficit de recursos de atención á dependencia nos distintos graos da mesma, sendo moitas persoas as que agardan polo servizo de axuda no fogar, unha praza nun centro de día ou nunha residencia xeriátrica”.

Nese sentido, refírense que no caso de Ribadavia “a maior carencia débese á inexistencia dun centro de día”, matizando que “varios concellos da comarca do Ribeiro con poboación moito menor dispoñen hoxe en día do servizo e en 2009 o goberno da Xunta na súa investidura anunciaba a creación dun centro de día en todos os concellos de máis de 1.500 habitantes”.

Este grupo da oposición considera tamén que “un centro de día público favorece a permanencia das persoas maiores no seu propio fogar o maior tempo posible e reduce un dos seus maiores problemas: a soidade non desexada, mellorando así a súa calidade de vida”.

Por todo elo, o BNG chama a atención sobre a existencia neste concello de varios edificios públicos que se atopan pechados ou infrautilizados e que poden ser postos a disposición da Xunta de Galicia “para prestar o servizo de centro de día, aproveitando o patrimonio público e contribuíndo a esta mellora dos servizos de atención á dependencia máis que necesaria”. A moción recibiu o apoio para plantexar á Xunta a solicitude.

Te puede interesar