RIBADAVIA

A Mostra de Teatro resaltará a liña musical na súa 30 edición

A organización sigue apostando pola convivencia dos espectáculos internacionais e galegos

A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia cumple 30 anos, celebrarase entre o 18 e o 29 do vindeiro mes de xullo e, con tal motivo, a organización considera que é unha edición especial na que se conseguiron alianzas con outros festivais internacionais que permiten presentar un cartel de espectáculos de gran calidade. A liña principal é a musicalidade como "artefacto escénico eficaz para xerar novas formas e provocar estímulos que capturen a atención dun espectador esixente, crítico e inconformista", segundo apuntan os organizadores coincidindo co acto de presentación da programación que tivo lugar onte en Santiago. Estiveron o conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o alcade de Ribadavia, Marcos Blanco, e o director da MIT, Roberto Pascual.

Así, no relativo ó formato musical, sinalaban que se presenta dende "o cabaré nihilista da Galicia actual de Chévere, até a parodia musical con clown e ironía sobre a reciclaxe, o consumo e o políticamente correcto das sociedades do primeiro mundo, creada polos armenio-italianos Jashgawronsky Brothers (Premio do Público da MIT 2011)".



Declan Donellan

Dentro do apartado internacional figura Declan Donellan, un dos grandes nomes do teatro, que dirixe a compañía Cheek by Jowl, coa moi actual posta en escena da obra Ubu Roi. Tamén, nesta MIT 2014 convivirán nomes coma Emma Dante, unha das máis recoñecidas directoras de escena de Italia, que chegará a Ribadavia inmediatamente despois de presentar a súa obra de teatro-danza “Le sorelle Macaluso” no festival de Avignon, coa obra dos galegos Chévere ou cun ciclo sobre o novísimo teatro arxentino.

A mostra iniciarase o 18 co Teatro do Vilar de Ribadavia, que presenta a obra "Aquí non paga ninguén", de Darío Fo, aínda que a inauguración oficial da MIT será o día seguinte coa súa coprodución con Voadora, unha posta en escena de linguaxe moi ecléctica e contemporánea a partir da Tempestade de Shakespeare e con gran incidencia na musicalidade.

Pensando no público infantil e xuvenil, actuarán Maduixa, que empregará a danza e os audiovisuais, a compañía La Rous e os espectáculos do ciclo da MIT no rural con "Lume", de Babaluva, "Mr. Pancho e a última función" e o especial "Improperio Ribadavia" da nova compañía Triatreros, entre outras actividades.

Te puede interesar