Esta actividade desenvolverase no marco das actividades complementarias aos espectáculos previstos na Mostra
A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia organiza un obradoiro de creación para actores, actrices, autores e directores,co director e dramaturgo Alfredo Sanzol. O curso terá lugar no marco das actividades complementarias aos espectáculos do festival e está organizado en colaboración coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e coa Fundación AISGE.
Segundo sinala Alfredo Sanzol, "durante os días que dura o obradoiro gustaríame compartir unha técnica de traballo en escena que veño desenvolvendo desde hai uns anos. O obxectivo é a creación de historias, de argumentos, usando como ferramenta a interpretación, a improvisación e a posta en escena".
O obradoiro ten unha duración de 15 horas, en tres sesións de 5 horas o 17, 18 e 19 de xullo, no Auditorio Manuel María da Casa da Cultura de Ribadavia. Conta con 12 prazas, máis 12 para oíntes. Ós socios da AAAG e de AISGE costalles 60 euros e 30 euros para os oíntes, e para os que levan 6 meses no parao hai unha redución do 50% no prezo. Os non socios terán que abonar 90 euros e 45 euros os oíntes
A inscrición pode formalizarse desde o próximo 31 de maio, ás 14,00 horas, ata o 5 de xuño, ás 15,00 horas. Comunicarase a listaxe de admisión o 6 de xuño e ás 12 primeiras solicitudes adxudicaráselle praza de titular e ás 12 seguintes praza de oínte.
Por outra banda, a 33ª edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia presentará o seu cartel e a imaxe a vindeira semana; e o programa completo o próximo día 16 de xuño, nun acto festivo en Ribadavia, con música e viño, cortesía da MIT para toda a veciñanza e interesados no festival.