A terminal presenta graves carencias dotacionais, entre elas unha iluminación que resulta insuficiente
O grupo municipal do Partido Popular de Ribadavia presenta unha moción para debatir en pleno na que se insta ao goberno municipal "a levar a cabo unha actuación de acondicionamento dos accesos á estación de tren de Ribadavia", segundo unha nota deste partido feita pública no día de onte.
Os populares demandan que se leve a cabo unha reposición das baldosas e reparación do pasamáns na pasarela peonil que transcorre paralela á vía do tren, ademais de podar as árbores cuxas ramas invaden a mencionada pasarela peonil.
Por outra banda, solicitan tamén que se efectúe unha rega asfáltica para mellorar o firme do acceso de vehículos á estación e que se leve a cabo unha renovación do alumeado destes accesos conxugando a necesidade de mellorar a iluminación e de traballar a prol dunha maior eficiencia enerxética.
Segundo o voceiro do grupo popular, César Fernández, "consideramos que o estado actual dos accesos á estación de tren de Ribadavia non se corresponden co que deberían ser uns accesos a unha estación coma esta na que, ademais de prestar o servizo de transporte ferroviario, conta con unha importante historia e pódese considerar un dos enclaves senlleiros do noso concello".