O programa piloto de compostaxe doméstica foi presentado nun foro de Cataluña

Representantes da Sociedade Galega do Medio Ambiente desprazáronse a pasada semana a Cataluña, invitados pola Rede Española de Compostaxe (REC), que integra as actividades desenvolvidas en España por Universidades, Centros Tecnolóxicos e Empresas en relación coa xestión sostible dos residuos orgánicos.
Os delegados da entidade galega participaron nas primeiras xornadas promovidas por esta organización, e explicaron os detalles da experiencia piloto de compostaxe doméstica levada a cabo o pasado ano nos municipios de Carballeda de Avia, Ribadavia, Carballiño e Piñor.

A un total de 200 veciños do rural destes catro concellos fóronlles entregados uns composteiros para a recollida de materia orgánica e a súa posterior transformación en abono para fertiliza-los seus cultivos. Esta experiencia foi promovida pola Consellería de Medio Ambiente coa colaboración das asociacións Adega e Amigos da Terra.

As xornadas catalanas desenvolvéronse do 6 ó 9 de febreiro no Auditorio da Universidade Politécnica de Cataluña (Campus Norte), en Barcelona, e nelas déronse cita estudosos, expertos e técnicos especialistas na compostaxe, tando industrial como doméstica, así como nas aplicacións agrícolas do abono resultante e beneficios medioambientais e económicos do mesmo.

Te puede interesar