O RIBEIRO

Un roteiro descubrirá ós visitantes as excavacións no castro de Santa Lucía

Os traballos para a sinalización do xacemento rematarán en outubro

Excavacións no xacemento de Santa Lucía, en Castrelo de Miño.
Excavacións no xacemento de Santa Lucía, en Castrelo de Miño.
Un roteiro descubrirá ós visitantes as excavacións no castro de Santa Lucía

O xacemento castrexo de Santa Lucía, en Castrelo do Miño, transformarase nun "museo ó aire libre" ó traverso da execución dun proxecto integral de mellora dos accesos e de instalación de paneis identificativos dos achádegos dos arqueólogos nas diferentes zonas do recinto. O Concello solicitou do departamento autonómico de Turismo unha subvención de 35.000 euros, que lle foi concedida, e que será destinada nun 50% para levar a cabo estes traballos, reservando a outra metade para a creación dunha rede tecnolóxica de visualización do patrimonio do municipio.

O alcalde de Castrelo, Xurxo Rodríguez, apunta que "o obxectivo é delimitar o xacemento e facilitar a accesibilidade ós visitantes cun roteiro con paneis explicativos en cada punto de interese. Neste sentido, habilitarase unha sinalización no lagar rupestre atopado no castro, datado entre os séculos I ó II d.C. e que está considerado como o máis antigo de Galicia. Ademais, tamén se contemplan visitas ás construcións castrexas de formación circular e a unha serie de muros de edificacións da época galaicorromana, que serán debidamente identificados. As previsións do goberno local de Castrelo apuntan a que "estas obras estén xa rematadas a finais do vindeiro mes de outubro", tal e como indicou Xurxo Rodríguez.

As excavacións realizadas no castro, ubicado na parroquia de Astariz (Castrelo de Miño), correron a cargo, nos últimos dous anos, do Grupo de Arqueoloxía do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, baixo a dirección do profesor Fermín Pérez, ó traverso dun convenio entre a Universidade de Vigo e o propio Concello.