FORMACIÓN

Taller da Estación de Viticultura en Leiro sobre defectos do viño

Este taller forma parte do programa de formación que desenvolve ao longo do ano a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia

O edificio do Centro de Saúde do Concello de Leiro acolle hoxe un taller práctico sobre os defectos do viño, que está organizado pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, Evega, que depende da Consellería do Medio Rural, en colaboración con Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, o Instituto Galego da Calidade Alimentaria, Ingacal, e o Concello de Leiro.

A xornada centrarase en coñecer o mecanismo fisiolóxico da cata, as moléculas responsables dos defectos máis comúns dos viños, a súa orixe e os mecanismos de aparición. Así mesmo, os asistentes aprenderán a detectar o limiar de percepción de cada defecto; estudar o comportamento dos viños fronte aos mesmos; memorizar os defectos máis comúns nos viños así como coñecer a súa prevención ou eliminación. 

PARTICIPANTES

O taller está dirixido principalmente aos paneis de cata dos consellos reguladores das denominacións de orixe dos viños galegos, enólogos e sumilleres e contará cun total de 40 prazas dispoñibles. Tamén estarán presentes en Leiro técnicos de adegas, investigadores, adegueiros, viticultores e estudantes.

Este taller forma parte do programa de formación que desenvolve ao longo do ano a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia.

Te puede interesar