INCENDIOS

A Valedora percorre o monte queimado e escoita aos veciños

<p></p>
photo_camera A Valedora, á esquerda, chega ao salón de actos do Concello para reunirse cos veciños de Carballeda

Achegouse ata Carballeda de Avia para recoller as demandas dos afectados pola vaga de lumes

"Entristecida de ver como están os montes, pero tamén impresionada pola entereza e o valor destas persoas". Así se expresaba Milagros Otero, a Valedora do Pobo, que se achegaba onte ata Carballeda de Avia para coñecer o desastre ambiental que supuxo a vaga de lumes que afectou ao Concello no pasado mes de outubro e escoitar as demandas dos veciños.

Milagros Otero chegaba a primeira hora da mañá a Carballeda e, acompañada polo alcalde, Luis Milia, recorreu algúns puntos negros dos incendios. Ao mediodía mantiña, na Casa do Concello, unha reunión co alcalde e membros da Corporación Municipal.

Xa pola tarde, entre as 16,00 e as 18,00 horas, tivo un encontro cos veciños de Carballeda, moitos deles afectados polos incendios. "Escoitei as súas queixas e demandas, non sólo polos danos que sufriron polo lume", afirmou Milagros Otero. A Valedora recoñeceu que ao escoitar aos veciños viu "o que sufriron" ao ter o lume á porta das súas casas e nas súas propiedades. Na reunión saíron tamén problemas de telefonía, de transporte, de traídas de auga, de limpeza, "e o máis curioso, un tramo de kilómetro e medio, preto do pobo de Saa, que carece de todo tipo de telefonía, algo inconcebible a estas alturas".

"Eu escoiteinos, que é a miña obrigación, e agora trasladarei as súas demandas aos poderes públicos, ás administracións, para que fagan efectivos os seus dereitos", asegurou a Valedora do Pobo.

Te puede interesar