COMPROMISO

Un convenio fará posible a apertura do Museo do Viño

Ribadavia. 10-10-2015. Visita de Baltar al Museo do Viño. Paz
photo_camera Miguel Ángel Viso, Manuel Baltar, Román Rodríguez y Xosé Carlos Sierra, durante a visita que realizaron onte ás instalacións do Museo do Viño.

Xunta e Deputación analizarán as fórmulas de xestión do futuro centro de promoción dos viños

Un convenio de colaboración entre a Xunta, a Deputación provincial e a Diócese de Ourense porá en marcha o Museo do Viño de Galicia, que se ubicará no edificio rehabilitado da antiga casa rectoral de Santo André de Camporredondo, en Ribadavia. Así o confirmaban onte o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o presidente da Deputación, Manuel Baltar, no transcurso da visita que realizaron ás instalacións, cuxas obras remataron no ano 2008 e nas que recentemente se acometeron traballos de impermeabilización do solo e acondicionamento do exterior.

O proxecto ten como finalidade principal recuperar, documentar, conservar e difundir o patrimonio cultural vitivinícola de Galicia tanto para o coñecemento da cidadanía en xeral como para o aproveitamento e consulta dos investigadores e estudosos do universo vitivinícola en particular.

Manuel Baltar explicou que nas vindeiras semanas a Deputación e a Xunta estudarán as posibles fórmulas de xestión do que será o único museo das súas características en Galicia. “A Deputación de Ourense está totalmente receptiva a establecer liñas de cooperación para que as instalacións se poidan explotar convenientemente, tanto no que atinxe a temas de infraestruturas, equipamentos, persoal ou no ámbito de promoción turística", afirmou. Román Rodríguez manifestaba que "temos a responsabilidade de sacarlle rendimento", recordando que houbo unha inversión importante de 1,35 millóns de euros para a restauración. Puntualizou tamén que servirá para promocionar os viños de toda Galicia, aínda que tendo presente onde está ubicado que é nunha provincia con importante presenza de viños.

Baltar matizou que "o acordo é total, só é cuestión de redactar o convenio e asinar", ó mesmo tempo que facía referencia a outras infraestructuras que levan o apelido “de Galicia”, como poden ser o Parque Náutico de Castrelo de Miño, o Parque Tecnolóxico, a Estación de Viticultura e os museos galegos do Entroido e da Emigración. 

Te puede interesar