CULTURA

600 xoias de Celso Emilio

A Fundación Celso Emilio Ferreiro recupera nunha edición exclusiva e artesán o poema "Miña Matria Galicia", cincuenta anos despois de que o celanovés gañase o premio "Rosalía" nos Xogos Florais do Idioma Galego de Bos Aires de 1968. 

Celso Emilio Ferreiro, nunha fotografía dunha exposición na Casa dos Poetas de Celanova.
Celso Emilio Ferreiro, nunha fotografía dunha exposición na Casa dos Poetas de Celanova.
600 xoias de Celso Emilio

Hai cincuenta anos que Celso Emilio viaxou ao país dos ananos. A sátira que publicou contra os emigrantes ricos e envilecidos, os mesmos que o botaran da Hermandad Gallega de Venezuela naquel tempo, é un espello do cru 1968 que pasou o poeta celanovés. De oficio en oficio, de persecución en persecución. Dos oasis que atopou naquel deserto, a fundación que leva o seu nome, recupera agora un: "Miña Matria Galicia". Unha edición exclusiva que so chegará a 600 mans. Un poema que foi galardoado co premio "Rosalía" na modalidade de "Canto a Muller Galega", nos Xogos Florais do Idioma Galego de Bos Aires de 1968. 

Luis Ferreiro, fillo do poeta e presidente da fundación que o homenaxea, anda cun maletín pola Galicia a que lle escribiu seu pai, agasallando aos amigos da literatura de Celso Emilio con algún destes coidados exemplares, feitos a man, un a un, no obradoiro de "El gato gris ediciones", co deseño de José celsoemiliolibrosNoriega e que xamais se porán a venta. 

"Quixemos facer unha lembranza daquel fito tan importante hai cincuenta anos, porque, a partir daqueles Xogos Florais, naceron moitos máis premios que tiñan que ver coa lingua e literatura galega. Esta edición é especial e única, non se repetirá. É unha forma de espallar ou confirmar o nome de Celso Emilio Ferreiro", conta Luis Ferreiro deste canto de amor á terra que fixo seu pai en 1968 e que comeza así: 

"Galicia é unha Matria, /unha matriz de terra e tempo/ debruzada na noite profundísima, / parindo fillos de saudade e soño".

Na portada, luce a firma e un autoretrato de 1938 de Celso Emilio Ferreiro. "Este é un dos grandes poemas de Celso Emilio sobre as 'Nais' fundadoras do solar galaico, aquelas viudas de vivos, cantadas no poema. Damos eiquí a versión orixinal publicada pola Editorial 'NOS' de Bos Aires no ano de 1969", explícase no interior do poema. Outra curiosidade é que o mantedor daqueles  xogos fora Méndez Ferrín. No xurado estaban Juana de Ibarborou, Víctor Lois Molinari e Francisco Lois Bernárdez.

"É un canto de amor a Galicia que coincide nunha época na que a terra se reivindicaba clandestinamente en moitas ocasións. Era a terra da emigración, da xente que non podía vir, dos problemas para defender a identidade e o idioma", relata Ferreiro. 

¿Qué verba lle darei a tanta escuma?/ ¿Con qué voz chamarei, nun soio nome,/ ao amor, á forteza, ao agarimo, /a morna luz da casa vinculeira?; pregúntase Celso Emilio cara o final do poema. 

"Miña Matria Galicia" é un principio. O primeiro poema da colección "Longolerei, chesmanei", que, sen présa, fan os herdeiros. Á luz sairán escritos inéditos do poeta grazas á labor de quen o coñeceu mellor. A súa familia. Luis Ferreiro, o primoxénito, defíneo: "Era meu pai".