EN OURENSE

A gaiteira de "Star Wars"

photo_camera The Snake Charmer, gaiteira hindú que estes días se formou na Escola de Gaitas de Ourense.

The Snake Charmer, encantadora de serpes, é a primeira gaiteira hindú, que estes días visitou Ourense para formarse na Escola de Gaitas. As súas versións de pelis coma "Los Vengadores" co instrumento son virais na rede.

O seu nome de pila é Archy Jay, pero á primeira e única gaiteira hindú chámanlle The Snake Charmer, antiga profesión dos encantadores de serpes da India que esta moza rescatou, en forma de apodo, para reivindicarse como artista. Namorouse da gaita galega e a través da Xuntanza Internacional de Gaiteiros de Ourense chegou estos días á cidade para formarse na Escola Provincial de Gaitas. En Youtube triunfa coas suas particulares versións de "Star Wars" ou "Los Vengadores" tocando o instrumento celta.

"Ao final de 2011, vin un vídeo dunha banda suíza chamada Eluvietie que non tocaba de forma tradicional. Tamén vin outras gaiteiras como Cristina Pato e instintivamente o son da gaita conectou comigo. Tratei de encontrar na India como podía aprender deste instrumento que me namorou, porque non hai outro parecido", conta The Snake Charmer, que por aquel entonces era unha recoñecida vocalista e guitarrista no seu país.

"Estou ilusionada por facer un vídeo nas fermosas paisaxes de Galicia. Gustoume  moito o castelo de Monterrei"

"Tocar a gaita foi unha nova experiencia e cambiou a miña vida en boa dirección. O meu público acolleuno moi ben", di.

No seu canal de Youtube, The Snake Charmer acumula millóns de visualizacións, non so polo seu virtuosismo coa gaita, senon pola renovación artística que fai co instrumento. Bandas sonoras de películas como "Los piratas del Caribe" ou "Star Wars", con paisaxes de vertixe coma telón de fondo, fan dela unha artista diferente. "O canal foi un camiño moi bo para conectar coa xente presentando o tradicional instrumento nunha forma nova", indica.


Aprendendo en Ourense


The Snake Charmer destaca a "fantástica" experiencia na Xuntanza Internacional de Gaiteiros, onde compartiu inquedanzas con músicos galegos, asturianos, escoceses, iranís ou xaponeses. Foi tan enriquecedora a participación no evento que quixo aprender máis. "Dinme conta de que había moitas gaitas no mundo e, polo tanto, da gaita galega. A través da Xuntanza Internacional vin a oportunidade de visitar a Escola de Gaitas da Deputación de Ourense", conta.

Cando un entra nos vídeos da gaiteira hindú, as paisaxes parecen sacadas dunha superprodución de cine. A sorte de Ourense e Galicia é que unha das gaiteiras máis famosas do mundo reservaralle un oco especial ás panorámicas máis fermosas, para que os seus millóns de seguidores coñezan a terra que a acolleu estes días. "Agora estou ilusionada por facer un vídeo nas fermosas paisaxes de Galicia. Gustoume moito o castelo de Monterrei e o seu entorno", confesa The Snake Charmer.

Te puede interesar