Este valdeorrés leva tres anos á fronte das Xuventudes Socialistas de Ourense, como coordinador provincial, pero non ininterrompidamente.
De feito, deixou o cargo para facer campaña por Pedro Sánchez cando este quería regresar á secretaría xeral do PSOE . Unha vez gañou, volveu converterse en líder das xuventudes. Diso fai case un ano. Antes de marchar, gustaríalle "aumentar a base de militancia".
Mereceu a pena? Como ve o partido agora?
Pois estou convencido de que se conseguiu capitalizar toda aquela ilusión que Pedro Sánchez xerou na campaña. Estamos preto de poder quitar a Rajoy da Moncloa. Estamos volvendo transmitir esa ilusión e confianza necesarias.
Entendo que é difícil. A xuventude afástase da política, non?
Estase a recuperar a imaxe do goberno de Zapatero. Houbo uns anos nos que foi moi complicado chegar ao sector xuvenil. Pero a xente nova estase dando conta do legado de Zapatero. Os anos duros da crise foron difíciles, pero estamos reconectando coa xente.
Agora afronta un periodo importante, hai europeas e municipais á vista... Están preparadaos?
Houbo unha renovación a nivel galego e provincial tamén, e polo que vexo, temos un PSOE más forte, que pode competir a nivel galego co PP de Feijóo. Hoxe mesmo (por onte) estivemos nunhas xornadas de municipalismo, e comprobamos que temos moita forza. Estamos convencidos de que podemos ser a primeira forza da provincia de Ourense nas vindeiras municipais. E estamos no camiño de conseguir que o próximo presidente da Deputación sexa socialista. As bases están mobilizadas para saír a gañar.
Sempre se fala da pouca implicación da xente nova? Buscará que o PSOE conte cos mozos nas listas?
Sempre se fala de que somos o futuro, pero eu sempre digo o mesmo: non somos só o futuro, somos tamén o presente. É un acerto que na provincia de Ourense haxa xente nova como concelleiros. Fan falta máis, sería un orgullo. A política xuvenil é fundamental, e temos o obxectivo de que a xente nova teña un progreso nesta provincia e que poidan quedar nela.Reivindicaremos que a xente nova ten que ter peso nas listas.
Cales foron as últimas campañas de XX.SS?
Reivindicamos moitas cousas, non só para a mocidade. Estamos moi centrados en que se corrixa o déficit da provincia nos investimento do Estado e da Xunta. Demostrouse hai uns días, cando vexo o ministro De la Serna a presentar un selo. A outras cidades foi presentar investimentos... Tense demostrado co AVE, que Zapatero deixou avanzado, ou cunha intermodal que non é como estaba prevista. Ourense está esquecida e precisa unha discriminación positiva. E Valdeorras tamén está completamente esquecida, e o PP dá máis cartos aos concellos que son da súa cor política. A que espera Baltar para pedirlle a Feijóo e Rajoy que se involucren con Ourense?
Hai retos por diante?
Si. Traballaremos para aumentar o contacto co tecido social e cultural xuvenil. Aumentar a presenza na universidade é moi importante. Hai que estar onde a mocidade está.