Desde mediados do século XIX a tarazana foi o salvoconduto imprescindible para milleiros de ourensáns, primeiro transportada ás costas, máis tarde empuxando dela, a partir dos cincuenta adaptada nas bicis e despois nas motos.

Afiadores ourensáns, oficio dos homes coa sabedoría ligada á punta dos dedos

Artiluxio de afiado dun taller de Barcelona (Foto: JOSÉ PAZ)
Tocaban o chifre coa mesma mestría coa que dispuñan de arte na punta dos dedos da man, como ambulantes que eran encriptaban os seus pensamentos tirando dunha xerga propia de todos eles e que os facía aínda máis enigmáticos. A fala (o barallete) perdeuse fai tempo, o oficio mudou para sempre.
A denominada 'chaira' ourensá dos afiadores ambulantes tal como a recollía o etnógrafo Fidalgo Santamariña, incluía o territorio que vai dende Nogueira a Paderne, pasando polo Pereiro a Esgos, Xunqueira de Espadañedo, até chegar a Castro Caldelas e San Xoán de Río, territorio amplo que exportou un oficio singular dado á épica, pois a singradura viaxeira se iniciaba no momento que traspasaban o limiar da casa coa tarazana ás costas ou tirando dela mercé á roda, a súa única inversión. Eles non mercaban nin vendían nada, tampouco eran emigrantes, tan só ofertaban os seus servizos de afiado e camiñaban na procura de clientela.

A estación de tren dos Peares foi testemuña silente da saída de moitos afiadores, tamén o porto de Vigo, ou as estradas cara Castela, aproveitando a necesidade de afíar ferramentas da sega; atravesando Madrid e a Mancha, chegando ao Levante ou Cataluña; ou ao través de Estremadura internarse en Andalucía. Os destinos eran case infinitos, guiados os uns polos outros, do mesmo xeito que aprendían o oficio. Os veciños de Pereiro e Luintra, facían o periplo en dirección á costa, cara as Rías Baixas, Lugo e todo o Norte até o País Vasco; os de Esgos e Xunqueira de Espadañedo, cara Portugal; os de Montederramo, cara A Rioxa e Aragón; os de San Xoán de Río, cara Castela, Madrid e Andalucía; os de Castro Caldelas, cara Castela en dirección ao Levante e a zona de Cataluña. Mais todo iso é historia, historias que a min mas conta coa oralidade dunha transmisión non regrada pero entusiasta Florencio de Arboiro, a única persoa que pola súa actitude vivencial está autorizado na 'Terra da Chispa', tomémolo con ironía, a falar, non dos afiadores que son un mundo, mais si da súa memoria e do seu legado, do que el é depositario do salvoconduto máis prezado, a ferramenta identitaria dun país de memoria curta, o que non deixa de ser un drama.


OUTROS DESTINOS

Arxentina, Brasil, Venezuela, Cuba, Chile, Estados Unidos, México, foron testemuñas da chegada duns homes farrapentos e miúdos que camiñaban a carón dunha roda de afiar que viaxou canda eles na procura de porvir. Tamén Marrocos, Guinea ou Mozambique; en Europa menos, salvo en Portugal (en Lisboa houbo unha comunidade amplísima de afiadores ourensáns que se repartían o espazo e moitas veces convivían xuntos) posto que en Francia ou Alemaña xa estaban outros establecidos. Na rexión austrohúngara do Burgenland existiu outra coñecida comunidade itinerante de afiadores que, a través dun carromato taller, nutrían de afiado a media Europa.

Os afiadores, salvo os que cruzaban o charco, eran temporeiros ?entre tres e seis meses- que regresaban á terra para completar as labores agrícolas que durante a súa ausencia quedaban en mans da súa dona, que facía as veces de pai e nai. Tamén ofertaban, ao marxe dos tradicionais afiados, outro tipo de servizos, algúns exercían de capadores, latoeiros, reparaban paraugas, potas; incluso se adicaban ao estraperlo. Sen lugar a dúbidas eran homes duros, sacrificados e mañosos; non todos os afiados eran iguais, para afiar navallas de afeitar ou material cirúrxico había que ser moi habilidoso en non todos se atrevían con ese tipo de servizos.

Dende fora os afiadores descoidaban o vestir, involucrados na cultura do aforro coa que saían da casa dispostos a regresar cuns cartos necesarios na evolución da economía familiar, tampouco o feito de ir dun lado cara outro tirando de roda, ou de bicicleta a partir dos anos cincuenta axudaba demasiado no aspecto esterno. Durmían en pousadas, e segundo a economía a elección no durmir apuntaba cara un catre ou cara o palleiro.


MULLERES

A maioría dos afiadores eran homes aínda que tamén algunha muller saíu afiar. Nos anos 40, Eva, muller de Abeleda (Castro Caldelas), por desavinzas conxugais, botouse coa súa bicicleta polas rúas de Madrid. Florencio de Arboiro coñeceuna persoalmente, a ela e ao seu marido, Luís, tamén de Abeleda, e afiador de oficio xunto con outras moitas habilidades. Nos talleres ambulantes, conta Florencio, é moi común atopar ao fronte do negocio mulleres afiadoras.

Te puede interesar